Nota de Prensa
RAQUEL ARIAS DESTACA QUE A OFERTA DOS CAMPAMENTOS DE VERÁN NA PROVINCIA SITÚASE NAS 1.800 PRAZAS E XERARÁ 200 EMPREGOS
* A delegada territorial deu conta dos pormenores da campaña ‘Acción de verán 2010’, para a que se abre hoxe o prazo de inscrición
Lugo, 9 de marzo de 2010.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, informou hoxe das actividades do programa Acción de verán 2010, que entre outras ofertas, comprende os campamentos que durante xullo e agosto conseguirán reunir a 1.800 rapazas e rapaces en distintos puntos da provincia. Arias comunicou que hoxe mesmo ábrese o prazo para remitir as solicitudes. “Trátase dun programa que mantén o nivel de oferta con relación aos últimos anos, a pesar da especial conxuntura actual”, expresou Arias.
A delegada territorial asegurou que a posta en marcha deste programa durante a tempada de verán suporá “a creación de arredor de 200 postos de traballo directos na provincia. Unha cifra moi relevante na situación actual”.
Lugo, Viveiro, Portomarín, Ribadeo e Palas de Rei son as localidades que acollen os campamentos da Xunta na provincia lucense. En todos eles, se reserva “unha porcentaxe das prazas para menores acollidos pola Xunta nos seus centros ou para nenos e nenas con algunha discapacidade”, segundo expuxo a representante do Executivo galego na provincia.
O albergue xuvenil de Area, en Viveiro, recibirá a 400 nenos e nenas de entre 13 e 16 anos, distribuídos en catro quendas dunha quincena de duración cada unha. Ademais, esta instalación recibirá a rapazas e rapaces procedentes de Álava, Murcia, Castela-León e Navarra, grazas aos programas de intercambio con outras comunidades autónomas subscritos pola Xunta. Nestas instalacións os participantes practican actividades de mar, como vela e táboa, e disfrutan dun aula de natureza mariña con persoal especializado.
O albergue de Portomarín ten capacidade para 50 nenos e nenas de entre 9 e 11 anos en cada unha das catro edicións que se celebran –de novo unha por cada quincena en xullo e agosto-, e oferta actividades de iniciación aos deportes de vela e piragüismo, bicicleta, sendeirismo, piscina e obradoiros diversos.
As instalacións da Devesa, en Ribadeo, acollerán a un total de 475 rapaces en seis campamentos distintos, con actividades variadas e para diferentes tramos de idade. Así, haberá tres edicións do campamento Multiaventura, con actividades que combinan mar e montaña, o campamento temático “Unha viaxe a través do tempo”, no que rapaces de 10 a 12 anos coñecerán a historia de Galicia, e dous campamentos con contido cultural tradicional galego: Sinte Galicia e Sons de A Devesa.
Palas de Rei acolle na primeira quincena de xullo o campamento “Galicia verde e azul”, para mocidade de entre 15 e 17 anos. Este campamento realízase en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración, e ten como particularidade que o participantes son 50 galegos ou descendentes de galegos pertencentes a distintas comunidades galegas no exterior. As solicitudes tramítanse a través da Secretaría Xeral de Emigración e as Casas de Galicia no exterior.
Durante o resto do verán desenvolveranse nestas instalacións dous campamentos de aventura –con 60 admitidos en cada un- para menores de 12 a 15 anos, con actividades de deseño de rutas, sendeirismo, supervivencia, piscina, deportes ou excursións a lugares de interese.
Por último, o complexo residencial LUG, na capital, será o escenario dun campamento de teatro na primeira quenda de agosto, para mozos e mozas de 15 a 17 anos. Antes, na segunda quincena de xullo, será unha das sedes do programa de rutas Coñece Galicia, polo que mocidade das comunidades galegas no exterior percorrerán Galicia pernoctando en diferentes albergues e residencias xuvenís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.
“Neste último caso faise fincapé na idea de fomentar a interculturalidade e promover o contacto entre rapaces de distintas procedencias. Dúas ideas presentes de xeito transversal nos obxectivos do programa Acción de verán 2010”, apuntou Arias, que estivo acompañada na presentación polo xefe territorial de Traballo e Benestar, Antonio Dacal, e a xefa do servizo de Xuventude e Voluntariado, Belén Casas.
É preciso engadir ás 445 prazas que conforman a oferta concertada da Consellería na provincia de Lugo, mediante a que cede por dúas semanas as instalacións xuvenís de Viveiro, Portomarín e Ribadeo a colectivos ou corporacións locais para o desenvolvemento dos seus propios programas.
Campos de traballo
O programa Acción de Verán 2010 inclúe tamén campos de traballo para maiores de 18 anos. “Como principal novidade, este ano ofértase en Lugo un campo de traballo de animación sociocultural no Camiño de Santiago, con motivo da celebración do Xacobeo”, destacou a delegada territorial.
Este campo terá dúas edicións, a segunda das cales terá carácter internacional, e os participantes aloxaranse no campamento xuvenil de Palas de Rei. O obxectivo máis importante é o coñecemento do Camiño de Santiago a través dun programa de dinamización cultural do lecer nocturno e diurno de Palas de Rei, coa creación de actividades culturais a través de técnicas teatrais.
O!s participantes crearán un espectáculo nocturno de danza-teatro, baseado no Camiño de Santiago, á vez que realizan labores de rehabilitación e recuperación do entorno natural da Lagoa de San Xulián”, explicou Arias. Tamén terán tempo para as actividades de tempo libre, como sendeirismo, acampadas, ou tiro con arco.