Nota de Prensa
A Deputación inviste máis de 3,5 millóns de euros no acondicionamento de 5 estradas provinciais
– A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación provisional da mellora destas vías que discorren por 9 Concellos
– Antonio Gato subliña que “neste paquete de actuacións acondiciónanse 40 quilómetros cunha grande calidade, xa que que todas levarán aglomerado en quente coa correspondente sinalización vertical e horizontal”
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres a adxudicación provisional do acondicionamento de cinco estradas provinciais por valor de 3.585.351 euros. Os viais pertencen ós Concellos de Monterroso, Sarria, Becerreá, Navia de Suarna, Cervantes, Barreiros, Ribadeo, Vilalba e Xermade. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou que “en total, neste paquete de actuacións acondiciónanse 40 quilómetros que deixaremos en perfectas condicións e cunha grande calidade, xa que todas levarán aglomerado en quente coa correspondente sinalización vertical e horizontal”.
Neste senso, Gato Soengas destacou o esforzo inversor que está a facer o organismo provincial para mellorar a rede viaria provincial, “xa que a estradas que adxudicamos hoxe executaranse con fondos propios da Deputación”.
As obras que se adxudicaron son as seguintes: en Monterroso, accesos e instalacións no río Ulla da CP 3304, dende o punto quilométrico 0,000 ó 0,917, por valor de 686.470 euros; acondicionamento e dotación de servizos en Vigo de Sarria, na CP 5602. O importe desta actuación, que afecta a un treito de 144 metros, é de 266.043 euros; mellora e afirmado da estrada provincial 0702 que vai de Becerreá a Navia por San Román a Cervantes a Degrada, dende o punto quilométrico 0,000 ó 24,510, por valor de 1.012.830 euros; acondicionamento da CP Altar-Reinante-Os Castros, dende o punto quilométrico 9,920 ó 12,320, cun importe de 488.469 euros; e mellora de dúas vías provinciais en Vilalba: CP 2206 De Casanova (Roupar) por Lousada á de Lanzós a Vilapedre, dende o punto quilométrico 0,000 ó 1,950; e CP 6509 do Carrizo (Vilalba) a Lousada (Xermade) ata o 9,277. Nestas últimas dúas vías, o organismo provincial inviste 1.131.539 euros.
Outros acordos da Xunta de Goberno
Aprobouse o modelo de solicitude para a concesión do Plan de Comunidades Veciñais de 2010, que está dotado con 2,3 millóns de euros. Nesta anualidade, o Plan aumenta un 4,5% con respecto a 2009.
A través desta iniciativa subvenciónanse pequenas obras que os Concellos non poderían acometer sen a colaboración da Deputación. O ano pasado, 295 entidades asociativas se beneficiaron desta iniciativa, coa que a Deputación está a executar obras por valor de 3,7 millóns de euros. A contía de cada subvención non poderá superar a cantidade de 12.000 euros e non poderá exceder o 75% do importe da actividade subvencionable.
Asimesmo, déuselle o visto e prace a tres contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais de 2009. Suman un total de 21.463 euros, dos que a Deputación achega 16.080. Pertencen ós municipios de Portomarín, Pol e O Valadouro.