Site icon Crónica3.com A Mariña

A selección galega de fútbol sala gañoulle a selección de libia en Burela

BURELA .- O pavillón Vista Alegre de Burela acolleu o encontro de fútbol sala entre as seleccións de Libia e de Galicia que gañou o combinado galego por 5 a 2; o equipo de Galicia contou con  3 xogadores do Burela F. S. O pavillón rexistrou unha notábel entrada e entre os asistentes atopábanse o responsable da área de deportes da Deputación, Antonio Veiga, acompañado da tenente de alcalde de Burela, Neves Cando.

Nota de Prensa

ANTONIO VEIGA ASISTIU, EN BURELA, AO ENCONTRO DE FÚTBOL SALA ENTRE GALIZA E LIBIA

O combinado galego superou, unha vez máis, aos de Libia por 5-2

O partido disputouse no pavillón de Vista Alegre cunha notábel presenza de seareiros e afeccionados ao fútbol sala

BURELA, 29 de marzo de 2010. Hoxe disputouse en Burela o partido de fútbol sala amigábel entre a selección galega e Libia. O delegado de Deportes da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, acudiu a presenciar o encontro desta noite ao pavillón municipal de Vista Alegre, que rexistrou unha notábel entrada de afeccionados para seguir o partido internacional entre Galiza e Libia. Antonio Veiga estivo acompañado da tenente de alcalde de Burela, Neves Cando.

O encontro de fútbol sala que enfrontou a Galiza e Libia, actual selección campioa de África, contou co aliciente de que a selección africana está actualmente dirixida polo galego Pablo Prieto (ata o ano pasado director deportivo do Azkar Lugo). Ademais, o combinado galego está formado por xogadores de diferentes categorías do fútbol sala galego. Neste combinado destacou a participación de 3 xogadores do equipo local Burela F. S.

Antonio Veiga, delegado de Deportes da Deputación, afirmou que “a creación das seleccións galegas foi todo un logro deportivo acadado hai anos froito das constantes reivindicacións sociais por parte dos clubs, xogadores e xogadoras e seareiros e seareiras”. Por este motivo, Veiga ratificou que “é importante, nestes momentos nos que estes combinados perden apoios institucionais -diante da negativa da Xunta de Galiza de Feijóo a apoiar os encontros das seleccións galegas-, pular para que Galiza siga contando con seleccións deportivas nacionais que disputen encontros deste tipo”.

Exit mobile version