ALFOZ.- A Asociación “Liga Céltica Galaica” edita un novo número da súa revista, que trata temas de interese para os concellos do Valadouro, e neste exemplar achegan datos sobre a xeotermia e a súa aplicación na vida cotiá.
NOTA DE PRENSA
XEOTERMIA: A CALOR (APROVEITÁBEL) DO CHAN
Que é a xeotermia? Debaixo dos nosos pés e dos alicerces dos nosos edificios hai calor. O subsolo é unha fonte constante de enerxía calórica, totalmente aproveitábel nos nosos fogares.
Sabíades que a calefacción do Parlamento Galego nútrese da calor do chan? É dicir, da xeotermia.
Segundo o criterio de técnicos e expertos, se se aproveitase esta enerxía en todas as escolas, centros de saúde e bibliotecas da Galiza, a Xunta estaría a aforrar 10 millóns de € ao ano!
A explotación desta caste de enerxía baséase na instalación de pozos verticais (a súa profundidade é variábel) acoplados a bombas de calor que á súa vez están unidas a un circuíto de calefacción e climatización repartidos por todo o edificio, deste xeito quéntase a auga e máis o ambiente.
A instalación deste sistema resulta algo máis cara cá duha calefacción de gasóleo pero despois supón un aforro do 75% con respeito aos combustíbeis tradicionais, ademais reduce en grande medida as emisións de CO2 á atmosfera.
Fogares e estabelecementos do país todo, a Biblioteca da Universidade de Vigo, o Centro de Saúde das Neves, as escolas de Nigrán e Baiona, o albergue do Ferramenteiro en Portomarín ou o Hotel Quinta da Auga en Compostela xa utilizan a xeotermia pra dar calor á súa vida cotiá.
INSTAMOS AOS NOSOS GOBERNOS MUNICIPAIS A IMPLANTAR PAULATINAMENTE A XEOTERMIA COMO MÉTODO DE CALEFACCIÓN INTEGRAL (AUGA QUENTE INCLUÍDA) NOS EDIFICIOS PÚBLICOS DOS MUNICIPIOS DE ALFOZ E FERREIRA: CASAS DO CONCELLO, CENTROS SOCIAIS, GARDERÍAS E CENTROS DE ENSINO…