BURELA .- Mecanografía, iniciación a internet e folla de calculo, son algunhas das actividades relacionadas coas novas tecnoloxías que o centro de dinamización de Burela oferta no mes de marzo
Nota de Prensa
A Rede de Dinamización presenta o seu programa para marzo en Burela
Catro novos obradoiros tecnolóxicos conforman a oferta da RDSI para o mes
Burela, a 1 de marzo de 2010. A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, en colaboración co concello de Burela, anuncia máis actividades de achegamento ás Novas Tecnoloxías que se levarán a cabo neste mes de marzo. As actividades e as datas nas que se desenvolverán son as seguintes:
* “Mecanografía”: con esta actividade preténdese que o usuario/a ao finalizar este obradoiro, sexa capaz de escribir con todos os dedos e sen mirar ao teclado do computador. Desenvolverase de luns a xoves, do 3 ao 16 de marzo, de 16 a 17 horas.
* “Iniciación a Internet”: con esta actividade preténdese que o usuario/a, ao finalizar este obradoiro, sexa capaz de navegar por Internet empregando o navegador libre Mozilla Firefox. Terá lugar de luns a venres, do 4 ao 11 de marzo, de 11 a 12:30 horas.
* “Folla de Cálculo: Calc”: con esta actividade preténdese que o usuario/a, ao finalizar este obradoiros, sexa capaz de levar as súas contas da casa, da comunidade ou do traballo empregando o programa “Calc” integrado na suite ofimática libre “Openoffice.org”. Este obradoiro desenvolverase en 2 edicións:
1. De luns a xoves, do 10 ao 25 de marzo, de 19 a 20 horas.
2. De luns a venres, do 12 ao 24 de marzo, de 11 a 12:30 horas.
O prazo de inscrición rematará o día anterior á data de comezo de cada actividade.
Asemade, o vindeiro mércores 3 de marzo, de 11 a 12 horas, darase a charla “Openoffice.org: Paquete ofimático libre”, mediante a cal se amosarán todos os programas e características que compoñen esta suite informática. Pode acudir a esta charla calquera persoa interesada.
A Rede de Dinamización, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, enmarcada no PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información), é unha das estratexias fundamentais para a inclusión na Sociedade da Información. A Rede ten entre os seus principais obxectivos titorizar a cidadanía con maiores dificultades e proporcionarlles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da S. I. A RDSI conta con 45 dinamizadores e dinamizadoras espallados pola xeografía galega en diversos Centros de Dinamización, nos que se desenvolven charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital, entre outros, adaptados ás necesidades de diferentes colectivos sociais como son mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas.