Site icon Crónica3.com A Mariña

A Liga Céltiga Galaica pide aos “concellos de Alfoz e Ferreira” un banco de tempo intermunicipal

O VALADOURO .- A asociación Liga Céltiga Galaica pide “aos gobernos municipais dos concellos de Alfoz e Ferreira” a creación dun banco do tempo intermunicipal, é dicir, un banco do tempo do Valadouro. A Liga Céltiga Galaica reivindica esta proposta no número 61 da súa revista “O prado das chantas”.

NOTA DE PRENSA
BANCOS DO TEMPO, INVESTINDO NA COMUNIDADE

Un banco do tempo (BT) é un sistema de intercambio de labores, normalmente xestionado polo Concello.

Nestes bancos deposítase tempo e retírase tempo, xa que  a “unidade monetaria” vén sendo UNHA HORA.

Nesa hora ti darás un servizo que alguén precisa, e en troco dese servizo recibirás cando che conveña unha hora dun labor ou axuda que precises. Por exemplo: Tés que ir facer unhas xestións a Lugo pero estás sen coche ou non o posúes, diríxeste ao BT do teu Concello e procuras a alguén que te leve, pode ser unha persoa xubilada, desempregada, de vacacións… Ao cabo esa persoa “traballou” tres horas pra ti, daquela ti “débeslle” tres horas ao BT -non ao particular- que “devolverás” por exemplo coidando nenos a unha persoa que traballe despois do horario escolar dos seus fillos, e a persoa que te levou a Lugo recibirá o servizo que precise durante tres horas, doutro membro do BT.

Pra artellar todo isto o BT conta cunha base de datos onde figuran as listaxes de membros demandantes e membros dispoñíbeis coas súas respeitivas habelencias, coñecementos e dispoñibilidades.

Os labores máis comúns xestionados polos BT veñen sendo o coidado e acompañamento de nenos e anciáns, tarefas e arranxos domésticos,  apoio académico a estudantes ou sinxelamente oferecer compaña a persoas soidosas. Os BT son unha ferramenta indispensábel na conciliación da vida familiar-laboral-individual dunha comunidade social.

Dende a LCG pedimos aos gobernos municipais dos concellos de Alfoz e Ferreira a creación dun BANCO DO TEMPO INTERMUNICIPAL, é dicir, un Banco do Tempo do Valadouro todo! Imaxinemos canto tempo e colaboración podemos intercambiar entre máis de catro mil persoas.

Exit mobile version