Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo investirá 79 mil euros na cuberta do edificio ao que hai que tirar o tellado por orde xudicial

RIBADEO (FNC) .- O Boletín Oficial da Provincia de Lugo publica hoxe unha resolución da alcaldía co proxecto básico e de execución de construcción de cuberta no edificio de vivendas sito nas rúas San Francisco e Irmáns Moreno Ulloa, redactado polo arquitecto municipal e que conta cun orzamento estimado duns 79.000 euros. Agora sométese a información pública durante un prazo de 20 días hábiles contados a partires da publicación do presente anuncio no BOP para a presentación das alegacións ou reclamacións que se estimen oportunas. O rexedor explica que encargou o proxecto ao técnico municipal para que despois da demolición das cubertas se proceda á súa reconstrucción “conforme á legalidade que no seu momento nunca se debeu violar”.

Fernando Suárez sinala que “a respecto do cumprimento desta sentencia que planea desde hai tempo aquí sobre o Concello de Ribadeo para demoler a cuberta dun edificio ubicado nas rúas San Francisco e Irmáns Moreno Ulloa. Sobre esa cuberta pesa unha orde de demolición por sentencia xudicial firme e que condea ao Concello a executala sen perxuizo de que despois o seu constructor teña que abonar estes gastos”.

O alcalde lembra que “hai que ter en conta tamén que hai un tempo o xulgado do contencioso de Lugo advertíulle ao alcalde que si nun prazo determinado non executaba esta sentencia sería multado. Nós en ningún momento nos quixemos opoñer a esto senón que estivemos a dar pasos para facer efectiva a execución da sentencia. Ainda que indo á execución en sí pedimos unha serie de informes tanto á secretaría do Concello como ao servizo xurídico da Deputación Provincial para ver o que compre facer respecto ao cumprimento da legalidade urbanística, ata qué punto a execución municipal debe ser acabada coa demolición en sí ou si pola contra ten que ser o Concello o que ten que facer tamén a reconstrucción como se debería ter feito en orixe, cando este edificio foi construido”.

Suárez Barcia suliña que “inicialmente se pediu unha licencia municipal cunhas dimensións e o promotor acabou facendo outra cousa diferente da que se tiña autorizadoao principio. Neste caso a resposta do xuiz mediante auto de hai uns días foi inequívoca e polo tanto en cumprimento deste auto din instruccións ao técnico municipal para que redactara un proxecto de reconstrucción que vaia ligado a que despois da demolición ten que haber unha reconstrucción conforme á legalidade que no seu momento non se debeu violar”.

O alcalde de Ribadeo manifesta que “hoxe no BOP sae o anuncio de que este proxecto se atopa en exposición pública por si alguén interesado tivese algo que alegar. Unha vez rematada esta fase procederase a adxudicar a obra de reconstrucción. Realizaremos unha execución subsidiaria con todo esto e logo o Concello lle pasará o cargo a quen ten que asumilo, porque o Concello non é o promotor lexítimo desta obra, pero sí está condeado desde hai anos a facer o que outro non fixo independentemente de que despois o Concello lle pase o cargo de todos estes gastos”.

Exit mobile version