Nota de Prensa
Lara Méndez destaca que “a Deputación está plenamente volcada coa Marina e cos seus veciños. Estamos realizando un esforzo moi importante para mellorar as estradas, nas que estamos investindo preto de 1.000 millóns das antigas pesetas”
Nota de prensa
A Deputación inviste máis de 6 millóns de euros no acondicionamento de estradas da Mariña
– O organismo provincial mellora con fondos propios 50 quilómetros de vías pertencentes a 11 Concellos de todas as cores políticas
– Lara Méndez destaca que “a Deputación está plenamente volcada coa Marina e cos seus veciños. Estamos realizando un esforzo moi importante para mellorar as estradas, nas que estamos investindo preto de 1.000 millóns das antigas pesetas”
– A Vicepresidenta Segunda supervisou os traballos de mellora que se están a levar a cabo na CP 1502, en Cervo, e que non foran incluídos no proxecto aprobado polo anterior goberno da Deputación
A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, acompañada de técnicos provinciais supervisou este xoves os traballos de mellora que o organismo provincial está a levar a cabo na estrada provincial CP 1502 que vai de Burela por Vilaestrofe a Rúa, no Concello de Cervo. Durante o transcurso da visita, a responsable provincial anunciou que a Deputación está a investir 6,1millóns de euros no acondicionamento de 10 estradas pertencentes a 11 Concellos mariñanos: Ourol, Viveiro, Xove, Foz, Mondoñedo, Alfoz, Barreiros, Ribadeo, Lourenzá, A Pontenova e Cervo.
Lara Méndez destacou que “a Deputación está plenamente volcada cos Concellos da Mariña e cos seus veciños. Esta mesma semana o Presidente estaba na Pontenova e hoxe visitamos outras obras. Estamos realizando un esforzo moi importante para mellorar as estradas, nas que estamos investindo preto de 1.000 millóns das antigas pesetas. Son 50 quilómetros de vías pertencentes a 11 municipios que, ademais, son de todas as cores políticas”.
Os viais que está a mellorar o organismo provincial son os seguintes: Ourol (acondicionamento de 4 quilómetros da CP 3806, que enlaza este Concello con Sixto. O investimento é de 314.500 euros); Viveiro-Xove (mellora e renovación das CPs 2604, de Xove por Monte a Valcarría, dende o punto quilométrico 13,000 ó 18,950; e da 6607 de Infanta a Valcarría, dende o 0,000 ó1,710. Estas dúas actuacións teñen un investimento de 537.000 euros); Foz (acondicionamento das CPs 2001 de Ver a Vilaxoane, dende o punto quilométrico 0,000 ó 2,280; e da 2002 de Reiriz a Espiñeira, dende o 0,400 ó 0,900. O custe da primeira é de 255.274 euros e, o da segunda, de 399.150 ); Mondoñedo-Alfoz e Foz (mellora da CP 3101, dende o punto quilométrico 0,000 ó 13,229. O investimento neste caso ascende a 1.156.859 euros); Barreiros-Ribadeo (acondicionamento da CP 0610 Altar-Reinante-Os Castros, dende o 9,920 ó 12,380, por valor de 488.469 euros); Lourenzá (mellora da estrada que vai de San Xurxo a Arroxo, nun treito de 2,100 quilómetros e cun investimento de 591.152 euros); A Pontenova (acondicionamento da CP 4803 de Pontenova a Augaxosa nun treito de 11 quilómetros e cun investimento de 849.400 euros); e Cervo (acondicionamento, afirmado ensanche e mellora de tres treitos da CP 1502 que vai de Burela por Vilaestrofe a Rúa. Suman 5,4 quilómetros e un investimento de 1.427.999 euros).
Remate do afirmado da CP 1502
Precisamente, Lara Méndez supervisou os traballos de mellora que a Deputación está a levar a cabo na estrada de Cervo. Nestes momentos, remataron os traballos de aplicación de aglomerado en quente no treito que vai dende o punto quilométrico 2,600 ó 5,400. A estrada estará finalizada no prazo dun mes, xa que tan só falta o pintado e a sinalización vertical.
A Vicepresidenta Segunda, quen anunciou que o organismo provincial construirá unha rotonda para facilitar o acceso a Burela, Sargadelos e a Rua, destacou que “esta é unha obra moi importante para os veciños deste municipio, xa que se trata dun treito que quedaría en terra segundo a previsión do anterior goberno e agora estámola facendo na súa totalidade con fondos propios. Ten moita afluencia de tráfico, polo que esta vía non podía quedar así”. En total, o organismo provincial invistiu no asfaltado, ensanche e mellora deste vial 1.273.104 euros.
A Deputación xa asfaltou en xaneiro de 2009 un treito de 2,600 quilómetros desta mesma estrada, que formaba parte do POL 2005. Neste caso, o proxecto aprobado polo goberno do Partido Popular só prevía o asfaltado de 900 metros mentres que nos outros 1.700 tan só se contemplaba unha capa de zahorra. Tralas xestións realizadas pola Vicepresidenta Segunda, deuse a máxima prioridade a esta obra, consignando unha partida orzamentaria dentro dos Presupostos da Deputación para ese ano.
Para estes traballos o organismo provincial destinou 154.895 euros. Cando chegou o actual equipo de goberno da Deputación, o expedente de expropiación da obra estaba sen tramitar e, polo tanto, non se dispoñían dos terreos necesarios para realizar os traballos. O actual equipo de goberno axilizou todo procedemento expropiatorio para que non se perdesen os fondos europeos.