Site icon Crónica3.com A Mariña

A deputación cederá á Xunta o Hotel Miño de Lugo para que cree unha escola de hostalería

LUGO .- A Deputación cederá á Xunta o Hotel Miño para que cree un centro de formación en hostalería para que complemente a formación que prestan neste eido os existentes en Foz e Santiago de Compostela

Nota de Prrensa

Gómez Besteiro anuncia que a Deputación cederá

á Xunta o Hotel Miño para que cree un centro

de formación en hostalería

– A Deputación impulsa o primeiro centro pioneiro en Galicia para probar produtos e servizos de benestar social co obxectivo de mellorar a calidade de vida de persoas como a 3ª idade ou dependentes, ademais de crear postos de traballos

– Insta á Xunta a apoiar economicamente o plan alternativo da Deputación que compensará o número de viaxeiros afectados polo baleirado do Sil e duplicará o gasto turístico na Ribeira Sacra

– O Alcalde de Navia de Suarna, nomeado delegado da Área de Medio Ambiente

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou no Pleno deste martes que o organismo provincial cederá en uso o Hotel Miño á Consellería de Industria, Turismo e Comercio co obxectivo de que a Xunta Galicia, que é a administración competente na materia, acondicione e leve a cabo no inmoble a creación dun centro formativo en materia de hostalería que complemente a formación que prestan neste eido os existentes en Foz e Santiago de Compostela. O titular provincial fixo este anuncio ante a moción do Partido Popular, que finalmente foi rexeitada cos votos en contra do equipo de goberno, e na que se solicitaba a participación da Deputación para a creación dun centro destas características. Neste senso, o grupo provincial socialista presentou unha enmenda na que se solicitaba a cesión, pero que finalmente foi rexeitada polos membros do PP. Malia que os termos da cesión aínda están por perfilar, a creación materilizarase a través dun convenio de colaboración entre as partes implicadas.

Deste xeito, Gómez Besteiro dalle unha solución a estas instalacións que foran adquiridas en 1984 e, que na actualidade, non teñen ningunha función. Segundo o voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, que defendeu a enmenda presentada, “con esta actuación a Deputación dá un paso importante na calidade da formación e respostamos a unha demanda do sector da hostalería da provincia”.

O inmoble, que ten 2.793 metros cadrados de superficie, adquiriuse a través dun convenio entre a Deputación e a Consellería de Traballo. A Corporación Provincial anterior acordou a súa venda en abril de 2007, adxudicándose á empresa Maexpa en agosto de 2007. Con todo, a operación non chegou a formalizarse por incumprimento do comprador, polo que Gómez Besteiro ordeara resolver o contrato.

Centro para o benestar social

Tamén se aprobou, coa abstención do PP, o proxecto do primeiro centro experimental para o benestar social en Galicia que estará a pleno rendemento no 2011 grazas ó apoio do Goberno de España a través dun Plan Avanza xa ratificado. Trátase dun centro pioneiro en Galicia para desenvolver e probar produtos e servizos que favorezan o benestar social, o que creará postos de traballo nun dos nichos de emprego máis importantes desta provincia, e no que a Deputación leva traballando varios meses co asesoramento do Citilab catalán, á vangarda en España. Esta iniciativa é un “laboratorio cidadán” no que, a través da innovación e a investigación, será posible mellorar a calidade de vida das persoas, especialmente da terceira idade e dependentes, un colectivo moi numeroso na provincia.

O Centro de Innovación Social (CIS), que así se denomina tecnicamente a iniciativa, plantéxase coa metodoloxía Living-labs, é dicir, plataformas de investigación na que traballan conxuntamente asociacións públicas e privadas, universidades, institutos e cidadáns para probar, antes de lanzalos ó mercado, e despois crear produtos adaptados ás necesidades sociais: manuais para axilizar as capacidades mentais, aparellos que melloren as deficiencias visuais e auditivas, cadeiras adaptadas, etc.

Na maioría dos casos para as PEMES é difícil e custoso atopar servizos coma este que lles permitan facer test previos dos seus productos ou estudos de mercado, o que leva consigo que teñan que recurrir, se poden, á subcontratación de grandes multinacionais. Coa posta en marcha desta iniciativa, o centro non só solventará este problema, senón que lles aforrará cartos. O CIS ten un orzamento de máis de 1,5 millóns de euros, que son cofinanciados pola Deputación e o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Situarase nas instalacións da Escola de Imaxe e Son de Lugo, na antiga casa cuna.

Falta apoio da Xunta polo baleirado do Sil

O Pleno da Deputación aprobou, cos votos en contra do Partido Popular, a proposta do equipo de goberno na que se insta á Xunta de Galicia a que apoie tanto financieira como economicamente o plan alternativo proposto pola institución provincial debido ás obras que executará Iberdrola no encoro de Santo Estevo a partir do mes de abril e que conlevarán un descenso do Sil en 31 metros e que os catamaráns non poidan navegar dende o embarcadoiro de Doade.

O Plan alternativo da Deputación, que foi dado a coñecer pola Vicepresidenta Terceira, María Xosé Veja Buján, consiste na posta en marcha do tren turístico entre as cidades de Ourense e Monforte; o desenvolvemento de turismo de aventura a través de empresas especializadas; converter o embarcadoiro de Chancís, que na actualidade está inoperativo, nunha base permanente para o catamarán; realizar obras de mellora no de Doade; e no estudo da utilización da área denominada Chanteiro.

6,7 millóns de euros para o POS

O Plan de Obras e Servizos deste ano ten un investimento de 6,7 millóns de euros, grazas a que o Estado non recortou a súa aportación e a Deputación investiu 800.000 euros máis do que estaba previsto. Da cantidade total, o organismo provincial aporta 2 millóns de euros, o Ministerio de Administracións Públicas 3,1, e os Concellos 1,1 millóns de euros.

Contempla unha partida de 2.076.859 euros para a mellora da rede viaria provincial, de tal xeito que o MAP aporta o 46% e a Deputación o 54 % . Dentro do Plan da Deputación, formado polo principal e o complementario –este último elaborado cos remanentes do principal-, acondicionaranse dúas estradas: a que vai de Areas, por Oirán, a Ver, e que comunica os Concellos de Mondoñedo, Alfoz e Foz; e, a segunda, que vai de Navia de Suarna por Silvouta a Vilaquinte. No Complementario inclúense unha obra en Baleira, outra en Navia de Suarna e o acondicionamento do  Cinturón Comarcal, dende a LU-530 á Nacional VI. Polo que se refire ás obras de competencia municipal, o Ministerio aporta o 50%, a Deputación o 25% e os Concellos o outro 25% restante.

Outros acordos plenarios

Con cargo ós remanentes xerados no Plan do Canon de Chantada de 2008, o Pleno acordou incluir o subministro eléctrico na avenida de Ourense, cun presuposto de 10.340 euros. Tamén se lle deu ó visto e prace ó plan de sectorización do polígono industrial de Paradela. A infraestrutura, que desenvolve SUPLUSA, situarase nas inmediacións do campo de fútbol, a ámbalas dúas marxes dunha estrada provincial. Terá unha superficie de máis de 320.000 metros cadrados e un presuposto que rondará os 2 millóns de euros.

Asimesmo, deuse conta do decreto polo cal se nomea ó Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, como delegado da Área de Medio Ambiente.

Exit mobile version