Nota de Prensa
A Deputación inviste na Conservación das estradas ata 2012 e no POS deste ano máis de 27 M€
– O organismo provincial reestrutura o mantemento da rede viaria provincial, pasando de 13 a 8 zonas, co obxectivo de reducir custes e optimizar os recursos noutros servizos como o Parque Móbil
– Gómez Besteiro destaca que “cando chegamos ó goberno herdamos 18. Agora afinamos máis aínda o sistema e imos a 8 en toda a provincia. Pretendeuse ser eficaces en canto á topografía da provincia e aforrar cartos”
– O organismo provincial aumenta en 800.000 euros o investimento no Plan de Obras e Servizos que está dotado con 6,7 millóns de euros
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Deputado de Infraestruturas, Manuel Martínez, presentaron este xoves a Conservación Integral da rede viaria provincial para o que resta deste ano e a correspondente á anualidade 2011-2012, ademais do Plan de Obras e Servizos de 2010, que serán aprobados na Xunta de Goberno deste venres e no Pleno do vindeiro martes, respectivamente. Son dúas iniciativas de extraordinaria importancia coas que o organismo provincial continuará mellorando as vías da provincia, e que suman máis de 27 millóns de euros. Gómez Besteiro destacou que “as dúas iniciativas andarán por máis de 4 millóns das antigas pesetas e son a aposta económica do organismo provincial polo mantemento das estradas dende maio deste ano ata ese mesmo mes de 2012. A rede viaria é para nós unha prioridade e estamos respostando de forma eficaz, polo que cada vez queremos ir avanzando nesta mellora”.
Partido da premisa do actual equipo de goberno de prestar un mellor servizo ós cidadáns e de optimizar os recursos, o titular provincial explicou que a Deputación reestruturou a Conservación, de tal xeito que se pasa de 13 zonas a 8. Gómez Besteiro destacou que “cando chegamos ó goberno herdamos 18 zonas de mantemento. Fixemos unha primeira restruturación, deixándoa en 13 e, agora, afinamos máis aínda o sistema e imos a 8 en toda a provincia”. En canto ós motivos da nova distribución, o máximo mandatário provincial subliñou que “se pretendeu ser eficaces en canto á topografía da provincia. Hai tres zonas que teñen menos dimensión en quilómetros, pero que teñen unhas peculiaridades orográficas distintas, o que esixe que teñan que ser tratadas de forma diferente. Este proceso de ser máis eficaces e de ir a uns contratos máis amplos vainos permitir optimizar os custes noutros servizos da Deputación como é o Parque Móbil e reducir custes”.
A provincia en 8 zonas
A Conservación Integral da rede viaria, deseñada pola Deputación ata 2012, queda do seguinte xeito: ZONA 1 (formada polos Concellos de Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Ourol, Muras, Xermade e Vilalba. En total, a empresa adxudicataria encargarase do mantemento de 530 quilómetros, o que suporá un investimento de 2,5 millóns de euros; ZONA 2 (O Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Riotorto, A Pastoriza e A Pontenova. 590 quilómetros e un investimento de 2,9 millóns de euros); ZONA 3 (Meira, Pol, Castro de Rei, Cospeito, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo, Castroverde, Baleira, O Corgo, Láncara e Baralla. Este Concellos suman 520 quilómetros, o que supón un custe para a Deputación de 3,1 millóns de euros); ZONA 4 (Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, O Páramo, Sarria e Paradela. Neste caso, a Conservación afecta a 646 quilómetros e o investimento ascende a 2,9 millóns de euros); ZONA 5: Os municipios incluídos nesta zona son: Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna. Estes cinco Concellos suman 332 quilómetros e a Conservación é de 1,9 millóns de euros); ZONA 6 (Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro. Suman 334 quilómetros e un investimento de 1,9 millóns de euros); ZONA 7 (Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil. En total, 313 quilómetros e 1,8 millóns de euros); e ZONA 8 (Bóveda, Pobra de Brollón, Monforte, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo. Neste caso, o investimento é de 3,3 millóns de euros e 738 quilómetros).
6,7 millóns de euros para o POS
O Plan de Obras e Servizos deste ano que, será aprobado no Pleno do vindeiro martes, ten un investimento de 6,7 millóns de euros, grazas a que o Estado non recortou a súa aportación e a Deputación investiu 800.000 euros máis do que estaba previsto. Desta cantidade, a Deputación aporta 2 millóns de euros, o Minterio de Administracións Públicas 3,1 millóns, e os Concellos 1,1 millóns.
O Deputado de Infraestruturas subliñou que “isto demostra o esforzo importante que estamos facendo nestes momentos tanto o Goberno Central como o da Deputación. En principio, tiñamos unha reducción importante debido á crise nos recursos adicados a este Plan, pero a realidade é que non reducimos senón que aumentamos. Segue sendo unha iniciativa importante tanto para o organismo provincial como para os Concellos porque lles permite facer unha cantidade de obras moi ampla, tales como traídas de auga, accesos a núcleos ou alemeados”.
En canto ós criterios, aplícanse os mesmos que se empregaron por primeira vez en 2008. Todos os Concellos reciben un mínimo de 18.000 euros, e para fixar o resto da cantidade, valórase nun 40% a poboación de cada municipio, nun 20% a súa superficie, nun 25% os núcleos de poboación, e o 15% restante corresponde á carga fiscal.
Plan da Deputación e dos Concellos
O obxectivos do plan son, fundamentalmente, a dotación de servizos mínimos ós sectores da poboación que carecen deles segundo os déficits contemplados na Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais, que a Deputación elaborou en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.
Neste senso, destaca o investimento en acondicionamento e mellora dos accesos a núcleos rurais com 2.017.889 euros, 1.344.472 euros na pavimentación de rúas, 530.546 euros en abastecemento de auga, 407.993 en rede de sumidoiros, 161.953 en alumeado público, 119.239 en centros sociais e 120.000 euros en instalacións culturais.
Asimesmo, contémplase unha partida de 2.076.859 euros para a mellora da rede viaria provincial, de tal xeito que o MAP aporta o 46% (950.000 euros) e a Deputación o 54 % (1,1 millón de euros). Dentro do Plan da Deputación, formado polo principal e o complementario –este último elaborado cos remanentes do principal-, Martínez explicou que se acondicionarán dúas estradas: a que vai de Areas, por Oirán, a Ver, e que comunica os Concellos de Mondoñedo, Alfoz e Foz. Ten unha lonxitude de 13 quilómetros e un presuposto total de 1.156.859 euros; e, a segunda, que vai de Navia de Suarna por Silvouta a Vilaquinte. Neste caso, son 4 quilómetros e o investimento 920.000 euros. No Complementario inclúese unha obra en Baleira, outra en Navia de Suarna e o acondicionamento do Cinturón Comarcal, dende a LU-530 á Nacional VI.
Polo que se refire ás obras de competencia municipal, o Ministerio MAP aporta o 50% (2,2 millóns de euros); a Deputación o 25% (1,1 millóns de euros) e os Concellos o outro 25% (1,3 millóns de euros). Os Concellos que reciben a maior aportación, a parte do de Lugo son: Chantada 182.797 euros; Vilalba: 127.000; Viveiro 120.000; e Guitiriz: 100.000 euros.