LUGO .- A delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, participou na presentación dunha guía de paxinas web que foi subvencionada pola Secretaría Xeral de Medios. No acto, Arias asegurou que “imos gañando espazo na aldea global”.
Nota de Prensa
A DELEGADA TERRITORIAL VALORA A IMPORTANCIA DE QUE GALICIA VAIA GAÑANDO ESPAZO NA ALDEA GLOBAL QUE PROPICIA INTERNET
Raquel Arias participou hoxe na presentación da Guía de Webs de Galicia, editada pola plataforma Galicia Digital con datos de 4.800 páxinas galegas
Lugo, 18 de marzo de 2010.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, considera que Galicia empeza a ter unha considerable presenza na rede, e valora como un parámetro de progreso a crecente incorporación de novas webs galegas, “de forma que imos gañando espazo na aldea global que significa internet”.
Arias realizou estas declaracións durante o acto de presentación da Guía de webs de Galicia, que tivo lugar hoxe na Galería Sargadelos de Lugo. A publicación responde a unha iniciativa da plataforma Galicia Digital, subvencionada pola Secretaría Xeral de Medios, e recolle datos de 4.800 páxinas galegas.
A delegada puxo de relevo que esta cifra expresa que a incorporación da sociedade galega á rede é aínda máis fonda do que cabía imaxinar, máxime cando se constata que “segue a medrar de xeito inusitado, cunha vitalidade que augura que moi axiña se irán derrubando barreiras ou fendas que existen entre outras comunidades europeas e a nosa, entre o rural e o urbano, entre a Galicia desenvolvida e a Galicia que traballa para conseguir a igualdade para todos”.
Neste senso, sinalou a potente ferramenta que supón internet para dar a coñecer ao mundo a realidade galega, “e como elemento de expansión co que conseguir múltiples obxectivos, como atraer visitantes, establecer vías de negocio ou estreitar lazos culturais con outros pobos”.
A delegada felicitou aos autores polo “esforzo detectivesco” levado a cabo para compilar tal morea de datos, “dez longos anos de traballo recollidos neste libro, que dende xa se converte nun instrumento imprescindible para acceder á realidade virtual do noso país”.