Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada da Xunta visitou obras en infraestruturas danadas por riadas en Viveiro, Xove e Cervo

A MARIÑA .- A delegada territorial da Xunta na provincia de Lugo, Raquel Arias, visitou as obras de reparación que se están a desenvolver nas infraestruturas da Mariña danadas polas riadas que afectaron á comarca a finais do mes de xaneiro. Arias anunciou que “as axudas destinadas a estas obras incrementaranse, porque as necesidades das distintas tarefas o poden requirir”.

Nota de Prensa

RAQUEL ARIAS VISITA AS ACTUACIÓNS PARA REPARAR OS DANOS CAUSADOS POLAS RIADAS EN MUNICIPIOS DA MARIÑA

* A delegada territorial revisou as tarefas de reparación previstas en infraestruturas dos concellos de Viveiro, Xove e Cervo
* A representante da Xunta na provincia destacou que o Executivo galego aprobou unha primeira achega de 100.000 euros para estas actuacións, se ben esa partida verase incrementada segundo as necesidades
* Arias indicou que na construción da nove ponte de Valcarría está previsto un investimento que supera os 72.000 euros

Viveiro, 1 de marzo de 2010.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou hoxe as obras de reparación que se están a desenvolver nas infraestruturas da Mariña danadas polas riadas que afectaron á comarca a finais do mes de xaneiro. Arias revisou as tarefas que se realizan nos concellos de Viveiro, Xove e Cervo, os máis afectados polas choivas caídas os días 23 e 24 de xaneiro.

A Xunta de Galicia, que aprobou no Consello da Xunta inmediatamente posterior ás riadas unha partida de emerxencia, aporta nunha primeira achega 100.000 euros, se ben está previsto que o investimento destinado ás reparacións se incremente, tal e como indicou a delegada territorial durante a visita de hoxe. “As axudas destinadas a estas obras incrementaranse, porque as necesidades das distintas tarefas o poden requerir”, expuxo Arias.

En total, trátase dunha quincena de actuacións que promove a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras a desenvolver polos concellos de Cervo, Xove e Viveiro, a meirande parte destinados á recuperación de pontes, aínda que tamén están previstas obras en fontes e camiños.

Arias visitou en Viveiro a zona da ponte de Valcarría, que será reparada despois de que resultara especialmente afectada polas inundacións ocorridas a finais do mes de xaneiro. “Está previsto un investimento de algo máis de 72.000 euros (72.330 euros) para a limpeza da zona e a construción dunha nove estrutura”, explicou a delegada territorial. As tarefas prevese que estén rematadas no período dun mes.

En Viveiro, ademais da reconstrución da ponte, está prevista a substitución dunha taxea deteriorada en Campoverde. “Ao igual que aquí, en xeral nos tres concellos, trátase de reparar os pavimentos dos camiños, protexer as marxes, retirar as árbores caídas que aínda permanecen no chan e substituír varias taxeas”, indicou a delegada territorial, que estivo acompañada na visita polo alcalde de Viveiro, Melchor Roel, a concelleira do PP Mariña Gueimunde e o concelleiro de EU Orlando Expósito.

No concello de Cervo prevense oito actuacións, entre as que destaca a reconstrución da ponte do Muíño de Pernan. Acometeranse tamén outras obras menores, como o acondicionamento do pavimento na ponte de Machuco e os seus accesos, a substitución da varanda e recolocación dos bancos en Fonte da Tella, ou a retirada de troncos caídos no cauce do río Xunco.

Pola súa banda, no concello de Xove –“no que as obras están case rematadas”, puntualizou Arias-, levaranse a cabo outras cinco intervencións en puntos deteriorados polas riadas, en concreto en Ponte de Canaledo, Ponte Cornide, Ponte do Carro, no lugar de Loureiro e no paseo fluvial. Será preciso actuar ao longo do percorrido do paseo fluvial e repoñer algúns tramos de varanda.

A delegada territorial sinalou a dilixencia coa que a Xunta habilitou a partida orzamentaria necesaria para a realización destas obras, que permitiu que un mes despois das inundacións xa estean todos os traballos contratados. “Entendemos que son infraestruturas esenciais para os veciños, que inciden na seguridade dos usuarios, polo que resulta preciso reparalas canto antes”, concluíu Arias.

Exit mobile version