Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegación de Mar de Burela contratará un patrón mecánico guía para o barco museo Reina del Carmen

BURELA (FNC) .- A Concellaría de Mar está a traballar na elaboración das bases para proceder á contratación dun patrón mecánico guía para o barco museo Reina del Carmen. Remedios López Villar sinala que “será con carácter de interinidade, as bases serán de oposición libre e terá que estar en posesión do título de Graduado escolar, FP I ou equivalente. Váise abrir un prazo de 10 días unha vez publicado o anuncio na prensa para a presentación de toda a documentación demandada. A proba constará de tres partes:  a primeira tipo test dun pequeno temario, a segunda será unha explicación guiada do barco e artes de pesca,  e a terceira consistirá nunha tradución ao galego”.

A edil de Mar explica que “o barco museo Reina del  Carmen, amarrado no porto burelés, recibe centos de visitas de grupos organizados e de particulares ao longo de todo o ano pero mais no verán, de aí que tentemos telo o mellor atendido posible”. Remedios López tamén anuncia que “se está a elaborar a solicitude para conseguir as subvencións dos plans de cooperación que sairon no DOG do 1 de marzo. Imos solicitar a contratación de dous parados como guías do barco museo, terán nivel de peón e serán para os catro meses estivais. Estas dúas persoas traballarán de apoio ao patrón para  amosar e dar  explicacións guiadas ao turista que veña coñecer o barco e sobre como se vive nel nunha campaña do bonito”.

A concelleira socialista lembra que “estamos a esperar a resolución da solicitude dunha subvención dos GAC. Nós solicitamos axuda para poder sacar a diante dous proxectos moi importantes, un deles é a continuidade das xornadas gastronómicas e os libros Os sabores do noso mar e o outro Memoria do oficio do mar en Burela que  levará consigo a contratación dun licenciado en Historia que irá facendo entrevistas a persoas relevantes no mundo do mar e que logo quedarán reflectidas nun libro”.

Remedios López suliña que “con estas medidas tentamos fomentar o emprego en Burela e apoiar ás familiar que mais o necesitan creando catro postos de traballo”.

Exit mobile version