BURELA (FNC) .- O Concello de Burela conmemorará o día internacional da muller con cinema. A Delegación de Igualdade programou dous actos para os días 8 e 9 de marzo.
Neves Cando asegura que “desde a Delegación de Igualdade de Burela queremos reivindicar e visualizar o papel das mulleres na sociedade actual, porque está nas nosas mans e nas de todas e de todos. Coincide este ano 2010 co centenario da instauración do 8 de marzo como o día internacional da muller traballadora nun principio, e día internacional da muller na actualidad e por iso queremos seguir co noso compromiso coas mulleres e facer visible o seu traballo e a súa vida cotiá”.
A edil nacionalista explica que “programamos dous actos encamiñados ao mundo do cinema. O luns día 8 ás 20:30 horas no auditorio da Casa da Cultura proxectaremos unha serie de curtametraxes O cine delas, que supoñen a visión do mundo desde a óptica feminina. Son seis curtas feitas por mulleres, tres galegas e tres madrileñas, que tratan sobre o mundo laboral, a prostitución, os problemas familiares, o mundo do cine e a identidade sexual”.
O martes 9 ás 19 horas no salón de plenos do Concello terá lugar a presentación de Memoria de muller, “trátase da experiencia de cinco mulleres de Burela coas novas tecnoloxías plasmadas en cinco videos. Esta iniciativa xurdiu dentro da Rede de Dinamización da Sociedade da Información que funciona na Casa da Xuventude e cinco usuarias de Burela, que se achegaron casi por primeira vez a estas novas tecnoloxías da informática e do vídeo plasmaron as súas vivencias e experiencias neste traballo”. Neves Cando relata que “Memoria de muller foi elaborado con imaxes e música propias e coa grabación da súa propia voz. Os recordos da infancia, a decisión de inmigrar ou non, o vivir día a día cunha discapacidade, a emigración a Alemaña ou as vivencias cos nosos animais de compañía serán os temas destes vídeos que completan esta xornada onde as nosas mulleres nos contarán a súa introducción ás novas tecnoloxías”.