BURELA (FNC) .- O Centro de Formación Ocupacional de Burela acollerá do 5 ao 9 de abril unhas xornadas de orientación laboral para as mulleres desempregadas. Están organizadas pola Delegación de Igualdade e polo programa de inmigración do Concello de Burela. A inscrición para participar está aberta desde hoxe e ata o 31 de marzo.
A concelleira de Igualdade, Neves Cando, manifestou que “teñen como obxectivo deseñar e poñer en práctica o propio itinerario de inserción laboral de cada muller e tomar conciencia da importancia da planificación da busca activa de emprego”. As xornadas estarán enfocadas en catro bloques específicos “o primeiro céntrase na oferta formativa para coñecer as distintas fontes de información e recursos sobre formación, tanto desde internet, desde a prensa, o Servizo Galego de Colocación ou o propio INEM. O segundo bloque versará sobre técnicas e estratexias de busca de emprego, coñecer os distintos tipos de currículos vitae e cómo se elaborar, saber facer unha carta de presentación e saber afrontar unha entrevista de traballo. No terceiro bloque abordaránse as fontes de información sobre emprego e o mercado profesional, identificar as ofertas de emprego do sector público e privado e coñecer os distintos tipos de contrato que existen e saber diferencialos. E o cuarto e último bloque abordaremos o autoemprego e o réxime especial de empregadas do fogar”.
A edil nacionalista suliñou que “as xornadas teñen unha duración de 15 horas e desenvolveránse desde o 5 ao 9 de abril en horario de 10 a 13 horas no Centro de Formación Ocupacional de Burela. Todas as mulleres que queiran inscribirse poden facelo ata o 31 de marzo nas oficinas do Concello”.