Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería de Facenda impartiu en Lugo un curso sobre as vantaxes da factura electrónica

LUGO .- Na Cámara de Comercio de Lugo celebrouse un seminario gratuíto para formar aos empresarios sobre as vantaxes da factura electrónica, iniciativa posta en marcha pola Consellería de Facenda para garantir o pago en 45 días

Nota de Prensa

A CONSELLERÍA DE FACENDA FORMA AOS EMPRESARIOS DE LUGO SOBRE AS VANTAXES DA FACTURA ELECTRÓNICA

* A Cámara de Comercio de Lugo acolleu hoxe un seminario no que se deron coñecer todos os pasos a seguir
* O novo rexistro electrónico implantado pola Xunta simplificará trámites e reducirá os custes de xestión para garantir o pago das facturas en 45 días

Santiago, 18  de marzo de 2010.- A Confederación de Empresarios de Lugo acolleu hoxe un seminario, de carácter gratuíto, para formar aos empresarios sobre as vantaxes da factura electrónica, posta en marcha pola Consellería de Facenda para garantir o pago en 45 días.

O departamento autonómico programou 14 seminarios en distintas localidades galegas co fin de ofrecer ás empresas galegas unha visión clara, práctica e tanxible sobre a facturación electrónica. O Xefe da División para o Desenvolvemento de Sistemas da Información do Centro Informático para a Xestión Tributaria (CIXTEC), Germán Ferreiro, presentou hoxe o seminario na Confederación de Empresarios de Lugo.

Durante o mesmo explicáronse todos os aspectos relacionados coas vantaxes da adopción da factura electrónica e os pasos a seguir para facelo da forma máis sinxela posible, ademais de resolver todas as dúbidas que esta formula no ámbito operativo e tecnolóxico. Expúxose tamén a vantaxe que supón utlilizar este procedemento e as distintas solucións existentes para automatizar tanto a emisión como a recepción das facturas electrónicas.

Os asistentes puideron coñecer de primeira man os novos servizos e o funcionamento da plataforma que sustenta o rexistro electrónico de facturas (www.conselleriadefacenda.es/factura) dende que a factura entra na Administración a través do portal de entrada ata que se produce o seu cobro por parte do interesado.

Isto supón unha estratexia de modernización que simplificará trámites e aforrará  custes garantíndose, por parte da administración, o pago das facturas en 45 días.

Co obxectivo de acadar rapidez e eficacia ao servizo do cidadanía Facenda implantará a licitación electrónica, a factura electrónica e outros novos sistemas de  comunicación e intercambio de información. Todos eles configuran novas técnicas de xestión que o Goberno galego incorporará axiña á súa xestión.

Exit mobile version