BURELA (FNC) .- A concelleira de Mar rexeita as críticas verquidas desde o PP nas que acusaban ao seu departamento de despilfarro. Remedios López asegura que o PP minte, falsea e extorsiona a información coa intención de desprestixiar aos concelleiros do goberno municipal.
A edil socialista sinala que “como non teñen razóns obxectivas para criticar os orzamentos municipais do 2010, arremeten contra o gasto feito no 2009, ano que aínda ten pendente a aprobación da Conta Xeral no pleno de xuño do 2010. Con todo iso, a día de hoxe podo asegurar que a Concellaría do Mar comezou o exercizo de 2009 cun presuposto inicial de 66.408,68,€, e que a metade de ano sufriu unha modificación de crédito de importe de 10.852,19€, grazas a unha subvención conseguida para a contratación dun peón guía para o barco museo. Así quedaba un presuposto executable de 77.260,87€. A finais do 2009 as obrigas recoñecidas (gastos feitos) ascenderon a 68.517,02€, co que cunha simple resta (non creemos que sexa moi difícil para un mestre) veremos que queda dispoñible ou pendente de gastar un total de 8.753,85€”.
López Villar aludiu tamén aos gastos diversos e dixo que “a principios de ano había unha consignación inicial de 15.000€. Ao longo da execución presupostaria produciuse unha redistribución do presuposto con crédito sobrante da partida de persoal quedando unha consignación definitiva de 26.700,00€. Durante todo o ano traballei organizando actividades que axudasen a desenvolver o comercio en Burela, a promocionar os produtos que se comercializan no noso peirao ou formar á poboación para conseguir un posto de traballo en época estival”.
A concelleira de Mar lembrou que “se realizaron cursos de socorrismo, o título de manexo de embarcacións deportivas e surf, xornadas gastronómicas da pescada, polbo, ourizo e peixe espada. Estanse a realizar uns recetarios Os sabores do noso mar en colaboración cos hostaleiros para promocionar Burela en toda España distribuíndoos nas máis importantes feiras turísticas. Séguese colaborando na feira do bonito, levouse adiante Expomar, o encontro empresarial e as xornadas técnicas, trouxéronse varias exposicións do mundo do mar e fíxose unha campaña no nadal para que se consumira o peixe descargado no noso porto incluindo spots na televisión”.
Remedios López considera que “unha vez mais o portavoz do GMPP minte, falsea e extorsiona a información, e dende o equipo de goberno non podemos mais que rexeitar e reprobar a irresponsable actitude que ten, e que está levando ao grupo do GMPP a unha falla de credibilidade total do pobo hacia eles pola demagoxia e contradición na que incorren, debido á súa baixeza partidista, anticuada e obsoleta. Eu podo dicir que teño as mans limpas e a conciencia ben tranquila. O portavoz do GMPP ¿pode dicir o mesmo?. É moi fácil levantarse polas mañás e como non ten nada que facer, dedicarse a elaborar notas de prensa para desprestixiar aos concelleiros do goberno municipal coa cara máis rastreira e sucia da política. A estas alturas xa todos sabemos quen traballa polo futuro do noso pobo, e quen aínda non asimilou que pasou ao grupo da oposición como fracasado e perdedor e debería sentirse mísero e ridículo. E sobre todo, e máis importante, recordarlle que Burela segue a medrar mellor e máis que con vostedes”.