BURELA (FNC) .- Un veciño de Burela, Alejandro López, que degustou ourizos no bar O Trisquel, é o gañador da cea para dúas persoas que sorteou o Concello entre os que acudiron na ponte de San Xosé a Burela a disfrutar das segundas xornadas gastronómicas do ourizo. Presidiron o sorteo celebrado na tarde de onte no Concello o alcalde, Alfredo Llano, e a concelleira de Mar, Remedios López Villar. Alejando López poderá cear no restaurante que elixa entre os 17 que participaron en ditas xornadas.
A edil socialista sinalou que “a pesares da crise o balance que podemos facer desta cita é excelente, os hostaleiros mostráronse satisfeitos do resultado e o máis importante é que se encheron os locais e déuselle saída a este sabroso equinodermo. O día de San Xosé era difícil conseguir mesa en moitos dos restaurantes de Burela e o sábado e o domingo houbo gran ambiente sobre todo á horas dos viños. Ante a boa acollida que tivo o venres, a algúns dos restaurantes que participaban, houbo que suministrarlles máis cantidade”.
Remedios López di que “sería difícil precisar a cantidade exacta que se consumiu, xa que non todos encargaron o ourizo ao Concello, hai restaurantes que teñen aval en ABSA e compran directamente, outros que traballan con exportadores, pero máis ou menos pola cantidade que consumiron os restaurantes que encargaron ao Concello servíronse uns 2.000 kilos de ourizo”.