Site icon Crónica3.com A Mariña

A Comisión de Fomento do Congreso dos Deputados aprobou unha iniciativa do BNG para que Fomento mellore a N-640 por Lugo

Nota de Prensa

A INICIATIVA DO BNG, O CONGRESO DEMÁNDALLE A FOMENTO QUE MELLORE CON CARÁCTER DE URXENCIA A ESTRADA N-640 AO SEU PASO POLA PROVINCIA DE LUGO

A iniciativa aprobada insta ao Goberno a eliminar o punto negro de Couto de A, en Castro de Rei, e a construír carrís para vehículos lentos

Madrid, 24 marzo 2010.- A Comisión de Fomento do Congreso dos Deputados aprobou esta tarde por unanimidade unha iniciativa promovida polo BNG pola que se lle demanda ao Ministerio de Fomento que mellore, con carácter de urxencia, a estrada N-640 ao seu paso pola provincia de Lugo.

En concreto, a proposición non de lei finalmente aprobada hoxe, ao aceitar o BNG emendas dos outros grupos, insta ao Goberno a “acometer con carácter de urxencia as obras necesarias para mellorar a estrada N-640 ao seu paso pola provincia de Lugo, tanto no referente ao estado do firme como á súa sinalización”.

Ademais, demándaselle a Fomento a “realizar os estudos pertinentes de reforma do trazado en Couto de A, Castro de Rei, e de construción de carrís para vehículos lentos en distintos puntos da vía”.

“Fixéronse melloras, pero insuficientes”

Na defensa da iniciativa, o deputado do BNG, Francisco Jorquera, lembrou que a estrada N-640 Lugo-Meira-Ribadeo “é, aínda hoxe, unha das principais vías de comunicación da cidade de Lugo coa Mariña, sobre todo co concello de Ribadeo e coa costa do Occidente de Asturias”.

Neste sentido, Francisco Jorquera denunciou que “o trazado en xeral non tivo ningunha reforma importante dende hai vinte anos, con numerosos baches, falta de carrís de adiantamento, especialmente no

caso do tramo Lugo-Meira, e a pesar do elevado volume de tráfico, o que dificulta claramente o día a día dos habitantes dos concellos de Lugo, Castro de Rei, A Pastoriza, Pol, Meira, Riotorto, A Pontenova, Trabada e Ribadeo”.

A este respeito, o deputado do BNG advertiu de que “mesmo os bacheos que se fixeron en outono están totalmente desfeitos, tanto pola mala calidade da intervención realizada como pola elevada choiva caída este inverno”.

Supresión do punto negro de Castro de Rei

Ademais, o deputado do BNG defendeu a necesidade de suprimir o punto negro das curvas de Couto de A, en Castro de Rei, mediante un cambio de trazado.

Francisco Jorquera advertiu de que “até o momento só se puxeron parches á N-640 ao seu paso pola provincia de Lugo”.

Por iso, defendeu a necesidade de “abordar globalmente o estado desta infraestrutura, apostando por unha corrección do trazado nas zonas de maior perigosidade -especialmente no tramo entre Meira e Ribadeo- mediante a rectificación das curvas; ampliar os arcéns e crear carrís para vehículos lentos nos tramos que non existen”.

Por último, demandou que no tocante ao pavimento, “e dada a elevada pluviosidade da provincia, débense utilizar materiais que eviten que a auga se acumule sobre a plataforma”.

A iniciativa promovida polo BNG foi aprobada cos votos a favor de todos os grupos políticos.

PROPUESTA DE TRANSACCIÓN A LA PNL DEL GP MIXTO-BNG,

Relativa a la N-640.

LA  COMISIÓN DE FOMENTO DEL CONGRESO DE LOS DIPUTADOS INSTA AL GOBIERNO A:

1º.- Acometer con carácter de urgencia las obras necesarias para mejorar la Carretera N-640 a su paso por la provincia de Lugo, tanto en lo referente al estado del firme como a su señalización.

2º.- Realizar los estudios pertinentes de reforma del trazado en Couto de A, Castro de Rei, y de construcción de carriles para vehículos lentos en distintos puntos de la vía.

Exit mobile version