Site icon Crónica3.com A Mariña

Veciños da Senra en Cervo propoñen modificacións ao plan de sumidoiros de Augas de Galicia

CERVO .- Técnicos do servizo de Obras do Concello de Cervo estudarán as propostas aportadas por veciños da Senra ao proxecto que ten previsto acometer Augas de Galicia para dotar dunha rede de sumidoiros a este núcleo de poboación do rural de cervense.

Nota de Prensa

OPERARIOS MUNICIPAIS ESTUDAN HOXE SOBRE O TERREO AS SUXESTIÓNS EXPOSTAS POLOS VECIÑOS AO PROXECTO DO SANEAMENTO DA SENRA

* Mañá, e unha vez estudadas as suxestións veciñais, está previsto que veciños e responsables municipais manteñan unha nova xuntanza para perfilar definitivamente o trazado definitivo por onde transcorrerá esta nova infraestrutura*

Cervo, 3 de febreiro de 2010.- Técnicos do servizo de Obras do Concello de Cervo estudarán hoxe in situ as modificacións e suxestións aportadas onte polos veciños da Senra ao proxecto que ten previsto acometer Augas de Galicia para dotar dunha rede de sumidoiros a este núcleo de poboación do rural de cervense.

Así se acordou onte pola tarde nunha reunión mantida polo alcalde, Alfonso Villares, e os propietarios das fincas por onde está previsto que discorra a devandita rede de canalizacións. Segundo o alcalde, a reunión de onte foi “moi positiva, como non podía ser doutro xeito” e salientou a unanimidade dos asistentes en cualificar o anuncio desta obra como “unha nova que satisfai e beneficia a toda a veciñanza deste burgo” indicou.

Na xuntanza o rexedor expúxolles aos veciños a “urxente necesidade” de que os propietarios de fincas afectadas aceptaran o paso das canalizacións do saneamento polos seus terreos para poder cumprir con tódolos trámites administrativos canto antes e poder por en marcha as obras. “Todos os asistentes amosáronse moi receptivos e dispostos a colaborar e incluso suxeriron leves modificacións do trazado que en ningún modo influirían no montante total da obra e que hoxe temos previsto analizar sobre o terreo para valorar a posibilidade de incluilas no proxecto final” sinalou Villares.

O rexedor tamén adiantou que mañá, ás 16.00 horas “e unha vez estudadas as suxestións veciñais”, veciños e responsables municipais manterán unha nova xuntanza “para perfilar definitivamente sobre o terreo e de xeito consensuado o trazado definitivo por onde transcorrerá esta nova infraestrutura básica para o desenvolvemento deste núcleo de poboación” . Por último, Villares comprometeuse a “seguir loitando” para que o resto das parroquias do rural cervense que aínda non contan con saneamento podan dispor desta infraestrutura “canto antes”.

Exit mobile version