BURELA (FNC). Técnicos de Augas de Galicia e de Fomento visitaron hoxe Burela para analizar os danos causados polas intensas chuvias caídas o pasado 22 de xaneiro. Segundo explicou o alcalde “os técnicos de Augas de Galicia estiveron vendo a traxectoria do río dos Matos e os danos que sufriu a ponte do Perdouro. Quedaron en analizar todo o acontecido e comprometéronse a realizar a limpeza do río dos Matos, para evitar que volten a producirse situacións coma as que sofrimos hai unhas semanas”.
Alfredo Llano manifestou que “os técnicos de Fomento que son os que se encargan do mantemento da variante, estiveron vendo como se atopan as cunetas e as canalizacións. Teñen que estar limpas para evitar acumulacións de auga coma as que tivemos hai pouco e que ocasionaron filtracións e problemas importantes en Vilar. Este ténicos tamén se comprometeron a realizar estes traballos”.
O rexedor anunciou que en breve viaxará a Lugo para facerlle chegar a Fomento as suxerencias do Concello e dos veciños “para que se mellore a sinalización de Burela en moitas estradas da provincia, xa que a cartelaría existente non é demasiado óptima”.