NOTA DE PRENSA:
A deputada popular Emma Álvarez salienta que a Ismael Rego “saiulle rá o alcaldable laurentino”, imputado por un feito de falsidade documental que el mesmo recoñeceu e polo que a Fiscalía pide 3 anos e 3 meses de cadea e 6 anos de inhabilitación
A XUNTA CONFIRMA, NUNHA RESPOSTA PARLAMENTARIA AO PSOE, QUE O ALCALDE DE LOURENZÁ ACTUOU CORRECTAMENTE NO CASO DA FALSIFICACIÓN DA RENUNCIA DUNHA CONCELLEIRA
* Na resposta da Consellería de Presidencia a Rego lémbrase que o alcalde e a Corporación Municipal “actuaron movidos pola crenza de que o escrito de renuncia fora realmente asinado pola concelleira Vanessa Carreiras” e que non hai constancia de que se procedera ao “secuestro” da súa acta, que foi, polo contrario, devolta á Xunta Electoral polo Concello.
* Os socialistas “pretendían darlle a volta á tortilla e mostrar como culpables ao alcalde e a Corporación de Lourenzá nun caso no que, como se demostrou, o único culpable é o portavoz municipal do PSOE” apunta Emma Álvarez.
Santiago, 12 de febreiro de 2010.- Nunha resposta a unha pregunta parlamentaria presentada polo deputado socialista Ismael Rego, a Xunta de Galicia confirma que o Alcalde de Lourenzá actuou correctamente no caso da falsificación da renuncia dunha concelleira. Rego pedíalle ao Goberno galego a súa valoración sobre o proceder do alcalde na tramitación e desenvolvemento do procedemento de renuncia da ex edil socialista Vanessa Carreiras, actualmente concelleira non adscrita, cuxo escrito de dimisión foi presentado, falsificando a súa firma, polo portavoz do PSOE na Corporación laurentina, Jorge García Crespo.
A deputada popular Emma Álvarez salienta que a Ismael Rego “saiulle rá o alcaldable laurentino”, imputado por un feito de falsidade documental que el mesmo recoñeceu e polo que a Fiscalía pide 3 anos e 3 meses de cadea e 6 anos de inhabilitación. A resposta da Consellería de Presidencia ao deputado socialista fai referencia precisamente á imputación de García Crespo polo Xulgado de instrución de Mondoñedo e ao recoñecemento dos feitos por parte do mesmo, así como a denuncia formulada contra el por parte da concelleira, como fundamento para considerar os feitos “de suma gravidade”.
Doutra banda, na resposta da Consellería de Presidencia a Rego lémbrase que o alcalde e a Corporación Municipal “actuaron movidos pola crenza de que o escrito de renuncia fora realmente asinado pola concelleira Vanessa Carreiras” e que non hai constancia de que se procedera ao “secuestro” da súa acta, que foi, polo contrario, devolta á Xunta Electoral polo Concello.
CREDIBILIDADE
Os socialistas “pretendían darlle a volta á tortilla e mostrar como culpables ao alcalde e a Corporación de Lourenzá nun caso no que, como se demostrou, o único culpable é o portavoz municipal do PSOE” apunta Emma Álvarez. “A credibilidade dos socialistas”, engade a parlamentaria do PPdeG, “vese calramente neste tema, no que, despois de recoñecer o portavoz municipal socialista os feitos diante do Xulgado, Ismael Rego segue tratando de lavar a súa imaxe”.
A deputada lémbralles, doutra banda, aos socialistas que á concelleira hoxe non adscrita “non lle pasaban as convocatorias do Pleno, segundo ela mesma manifestou o día que se enterou da súa presunta dimisión, e por iso non acudiu ao Pleno no que se debateu a renuncia”.