Site icon Crónica3.com A Mariña

Segundo ADEGA a resposta ao cambio climático está en coidar as zonas húmidas

SANTIAGO .- O 2 de febreiro celébrase o Día Mundial dos Humidais, para comemorar a sinatura en 1971 da Convención Internacional sobre Humidais en Ramsar (Irán). Este ano, preténdese pór de manifesto a importancia das zonas húmidas para facer fronte aos efectos da mudanza climática. Non abonda coa protección dun humidal: a súa correcta xestión precisa integrar transversalmente as políticas sectoriais (infraestruturas, industria, urbanismo, etc), principais causas da degradación destes espazos. En Galiza temos abondantes exemplos de mala xestión das nosas zonas húmidas, como o caso de Baldaio ou o máis recente da Frouxeira. E o novo POL (Plano de Ordenamento do Litoral) non garante que os valiosos humidais costeiros estean libres de “aproveitamentos sustentábeis” como portos deportivos, piscifatorías, recheos e paseos…
Galiza, cos seus máis de 1.100 humidais, é o territorio peninsular con maior diversidade de lagoas, brañas, xunqueiras bosques húmidos, turbeiras… No entanto, só 5 destes espazos gozan de protección legal, e malia a terse aprobado en 2008 o Inventario de Humidais Protexidos, seguimos á cola en canto a políticas de conservación destes espazos.
Neste día, ADEGA demanda da Xunta, como responsábel da planificación e xestión dos humidais galegos, o cumprimento das súas obrigas legais para a súa conservación e uso racional, promocionando e executando políticas de protección efectiva en troques de improvisar solucións chafalleiras, como o recente baleirado da Lagoa da Frouxeira.
Neste 2010, declarado Ano Internacional da Biodiversidade, a xestión dos nosos humidais segue a ser un exemplo de desleixo e malas práticas: toléranse actividades incompatíbeis (Baldaio, Valdoviño, Louro…) mentres as intervencións da Xunta non poden ser máis desafortunadas (caso da lagoa da Frouxeira).
Galiza é un territorio cun grande número e variedade (máis de 1.100 humidais catalogados) destes ecosistemas: entornos lacustres, humidais fluviais, turbeiras, pradeiras higrófilas, etc. que posúen unha importante riqueza de hábitats e especies, serven de “colchón” para mitigar os efectos da mudanza climática, proporcionan unha grande variedade de recursos e constitúen un valioso patrimonio natural e cultural, que contribúe a criar riqueza. Un manexo inadecuado destes entornos conducíu en moitos casos ao sangrado, entullado, desecamento e destrucción de moitos humidais galegos, como as desaparecidas lagoa de Pantín (Valdoviño) e Corme, as turbeiras do Xistral, a situación crítica das Gándaras de Budiño, ou o histórico desecamento da lagoa de Antela, unha das bacías endorreicas máis importantes de Europa.
E para que non se repitan situacións como a que está a acontecer hoxe na Frouxeira, é preciso o cumprimento estrito da lexislación ambiental que protexe estes humidais (Directiva Hábitats 92/43/CEE, Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, Decreto 127/2008 dos Humidais Protexidos de Galiza…), alén do alongamento da curta lista de humidais protexidos. Estas leis obrigan ás administracións responsábeis (Xunta e Costas do Estado) non só a conservación e mantemento destes ecosistemas, senón tamén, de ser o caso, a súa restauración.
O flamante POL (Plano de Ordenamento do Litoral) recentemente presentado pola Xunta, non garante que mesmo os humidais costeiros máis sensíbeis e coa máxima categoría de protección estean libres de aproveitamentos “compatíbeis”: macropiscifatorías (Touriñán), parques eólicos (Costa da Morte, Serra da Groba…), portos deportivos e outras infraestruturas. É así como se pretende protexer estes espazos?

É tamén un bó momento para que o Estado, através da Demarcación de Costas, incorpore ao patrimonio público determinadas zonas, como as chairas de inundación natural das nosas lagoas costeiras, sobre as que pode rexurdir, unha vez que remate a moratoria dos 500 m, a presión urbanística.

Exit mobile version