RIBADEO (FNC) .-O Concello de Ribadeo convoca dúas prazas de auxiliar de axuda domiciliaria en aplicación da lei de dependencia. O contrato realizarase pola modalidade de obra ou servizo determinado a xornada completa ata o 31 de decembro de 2010. O horario será en réxime de mañá e tarde, inclusive en domingos e/ou festivos, de ser o caso e sempre baixo as directrices que se fixen polos Servizos Sociais.
Entre os requisitos específicos que se esixen para optar a estes postos figuran estar en posesión do título de FP de grao medio en atención sociosanitaria ou certificado profesional de atención sociosanitaria a persoas maiores no domicilio ou equivalentes; contar con permiso de conducir da clase B e dispoñer de vehículo propio. Valoraranse os servizos prestados no Concello de Ribadeo ou noutras administracións públicas en postos de traballo de contido análogo ou categoría semellante e a antigüidade no paro.
Toda a documentación presentada deberá ser en orixinais e copia para a súa compulsa. O prazo de presentación de documentos remata ás 14 horas do vindeiro 22 de febreiro no rexistro xeral de entrada de documentos do Concello e as probas de selección serán o 25 de febreiro ás 17 horas na Casa Consistorial.