SANTIAGO .- CIG-Saúde denuncia que Sanidade vulnera a liberdade de decisión dos profesionais ao impor a colexiación obrigatoria. Con esta medida que anula a lexislación vixente na comunidade autónoma onde o goberno bipartito recollía a colexiación voluntaria de todos os profesionais, o que fai a consellaría de Sanidade e moi especialmente a súa conselleira, é darlle un papel relevante a quen lle fixo a campaña electoral ou a quen pretende gobernar a consellaría desde a sombra, aseguran
Nota de Prensa
CIG-Saúde denuncia que Sanidade vulnera a liberdade de decisión dos profesionais ao impor a colexiación obrigatoria
Compostela, 24 de febreiro de 2010
O pasado 23 de febreiro de 2010 saíu publicada no DOG a Lei 1/2010, do 11 de febreiro, pola que se modifican diversas leis de Galiza para a súa adaptación á directiva 2006/123/CE, Lei que aproveita o Sergas de forma escurantista e sen previa comunicación ás organizacións sindicais para modificar a Lei vixente nesta comunidade autónoma de Colexios profesionais de Galiza. Con esta modificación será obrigatorio para todos os profesionais de Ciencias da Saúde da administración pública que realicen actos profesionais e que teñan como destinatarios os usuarios do servizo público de saúde, a súa colexiación.
Desde a CIG-Saúde queremos lembrar que a colexiación obrigatoria é unha norma creada na Lei 2/1974 do 13 de febreiro e modificada posteriormente pola Lei 74/1978 do 26 de decembro, normas claramente preconstitucionais.
A CE recolle como requisito para acceder ao emprego público os criterios de igualdade, mérito e capacidade e ningún artigo recolle a obrigatoriedade das/os cidadáns de pertencer obrigatoriamente a un órgano en contra da súa vontade, co que ademais non comparten nin os seus obxectivos nin posíbelmente se poidan sentir representados nel.
Así mesmo a Lei 16/1986, Lei Xeral de Sanidade, non outorga no entramado do sistema nacional de Saúde ningún papel aos colexios profesionais nin vincula a asistencia sanitaria pública á obrigatoriedade de integración dos profesionais nos respectivos colexios.
Con esta medida que anula a lexislación vixente na comunidade autónoma onde o goberno bipartito recollía a colexiación voluntaria de todos os profesionais, o que fai a consellaría de Sanidade e moi especialmente a súa conselleira, é darlle un papel relevante a quen lle fixo a campaña electoral ou a quen pretende gobernar a consellaría desde a sombra.
A CIG-Saúde seguirá defendendo a colexiación voluntaria dos profesionais aos colexios e reclamando que a conselleira de Sanidade respecte a normativa vixente, os preceptos legais e a Constitución Española, que recollen o recoñecemento da participación dos representantes sindicais e dos órganos de representación lexitimamente elixidos na Mesa Sectorial.