Eu son o que a sociedade chama unha “neofalante”. Comecei a falar galego hai cinco anos, cando contaba con 18. Decidín mudar a miña lingua materna, o castelán, grazas aos meus estudos de Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo. Alí coñecín a numerosos galegofalantes cos que empregaba o galego diariamente. Sempre me gustou a lingua da miña terra, do meu país, e decote sentía envexa e admiración polas persoas que falaban este idioma. Veño dunha contorna castelánfalante e recibín unha educación amplamente castelanizada, con moi pouca presenza do galego, o que fixo que practicamente non dominara este idioma. Por iso, en canto tiven a oportunidade de usar o galego e collerlle o tranganillo, non o dubidei máis e mudei de lingua. Agora falo un idioma co que realmente me sinto “eu mesma”, co que realmente me sinto “unha parte integrante deste país, Galicia”.
Na miña mente sempre rolda a imaxe da mellor profesora de galego que tiven na miña vida. Chámase Fina e daba clases no Instituto Rosalía de Castro de Santiago. O que son os recordos!!…A ela débolle todo. Moitas grazas Fina!
E si, esa nena tiña moita razón. Eu falo galego porque me gustan as palabras de cores!!
Mar López González (CambiaGalicia).