Nota de Prensa
BASANTA DESMINTE A BALSEIRO E RECORDALLE QUE A GALESCOLA DE FOZ É UN PROXECTO DO BNG
O portavoz nacionalista declara que “os veciños de Foz xa están cansos de propaganda e queren feitos”
Foz, a 12 de febreiro de 2010.- O BNG de Foz quere saír ao paso das declaracións do deputado autonómico, Sr. Balseiro, sobre a Galescola de Foz pola cantidade de imprecisións e de demagoxia que conteñen.
O BNG quere recordarlle ao Sr. Balseiro que a Galescola de Foz é un proxecto da Vicepresidencia da anterior Xunta de Galiza, dirixida polo BNG. Proxecto que enmarcaba dentro dun máis amplo para dotar á Mariña de todos os servizos sociais indispensables. Un proxecto ambicioso que estaba en marcha e que o PP non fixo nin por asomo nos seus máis de 16 anos de goberno na Xunta porque o PP non ten proxectos que teñan que ver cos servizos públicos: os proxectos son dos privados e dos particulares para os que traballan. Coa axuda do Concello a obra realizouse e aí está cunha aportación que superaba o medio millón de euros, algo máis dos 40.000 euros que puxo para este ano o PP. O Convenio para abrir a Galescola asinouse en decembro do 2008 e en dous meses o Concello de Foz debía de facer a cesión das instalacións para poñela en marcha, cousa que non fixo e que o BNG lle recriminou ao goberno local en varias ocasións. A Galescola contábase que abrira as súas portas en setembro deste curso escolar.
Pero, desde marzo do 2009 o PP está na Xunta e é o máximo responsable de que a escola infantil de Foz non estea a estas alturas aberta. Basanta advírtille ao deputado do PP que todas estas declaracións espera que non sexan manobras de distracción en torno ao compromiso verbal e por escrito de abrir a galescola no próximo mes de marzo porque é preocupante que a mediados de febreiro aínda non saibamos nada tanto do mobiliario necesario como do persoal que se vai a contratar.
O BNG, nas súas áreas e sen rematar a lexislatura de catro anos, foi capaz de poñer en marcha na comarca varias galescolas, varios centros de día e unha oficina I+B, ademais de servizos como o de transporte adaptado e o de xantar na casa. O PP aínda non fixo nada na Mariña máis que recoller o feito polo anterior goberno e no peor dos casos eliminar algún destes servizos como os da oficina I+B de Mondoñedo ou privatizar todo o que se lle pon ao alcance como a Residencia de Viveiro. Esa é a política do PP en Galiza, comparable a que practica a Sra. Aguirre en Madrid pero que os mariñáns non deben nin van a permitir.
O BNG de Foz recórdalle ao Sr. Balseiro que tiña dúas débedas con Foz durante esta lexislatura: o servizo de urxencias e un Centro de Día Residencial. Da primeira os focegos xa sabemos a resposta: o PP non porá o Servizo de Urxencias en Foz nunca. Respecto da segunda esperamos que, unha vez cedidos xa os terreos para construilo, o PP sexa capaz de chegar á altura política á que chegou o BNG nos seus proxectos para Foz. Basanta suxírelle ao Sr. Balseiro e ao PP ”que se poñan as pilas porque catro anos pasan rápido e o Centro de Día non pode esperar”.
Para o BNG, Foz non merece este trato por parte do PP pois é o único concello grande da Mariña que non conta con Centro de Día nin con PAC, grazas a políticos tan comprometidos e volcados cos servizos públicos coma a Sr. Balseiro.