Site icon Crónica3.com A Mariña

O Valedor do Pobo arquiva a queixa do PSOE sobre a xustificación do núcleo de sostibilidade de Ribadeo

RIBADEO (FNC) .- O Valedor do Pobo ven de arquivar a queixa presentada polo grupo municipal socialista relativa á xustificación da anualidade de 2008 do núcleo de sostibilidade de Ribadeo. O alcalde amósase satisfeito coa decisión e insiste en que as cousas se fixeron ben e que grazas a eso non se perdeu nin un só euro da subvención.

Fernando Suárez dixo hoxe que “tivemos que soportar nos últimos meses críticas infundadas, destinadas a erosionar a imaxe do goberno por parte tanto de Balbino Pérez Vacas como de Ramón López coa xustificación da anualidade do núcleo de sostibilidade para Ribadeo. Grazas a eses cartos estamos a facer unha serie de cuestións de relevancia para o Concello de Ribadeo sin que a este lle coste practicamente nada. Estamos a poñer uns 100 metros cadrados de paneis solares na piscina municipal e estamos a facer cousas que executaremos nos vindeiros meses como por exemplo unhas rutas de sendeirismo, etc”.

O rexedor lembrou que “estiveron a cuestionar a maneira que tivemos de xustificar un diñeiro a finais do ano 2008, cando realmente a Xunta de Galicia nos deu un prazo de 2 días para facelo e fixemos todo canto puidemos e creo que o fixemos ben porque non se perdeu nin só un euro nesa xustificación de subvención. Tempo despois a propia Xunta comunicou que o xustificado estaba ben feito, pero non contentos con iso os representantes do grupo municipal socialista acudiron ao Valedor do Pobo para denunciar estas actitudes que segundo eles non eran axeitadas”. Fernando Suárez asegurou que se alegra da decisión e subliñou que “hai uns días o Valedor acaba de contestar que arquiva este expediente en función da contestación que nós lles remitimos explicando como fora o sistema e cal foi o motivo polo actuamos así seguindo os criterios xurídico-legais e como nós intentamos xestionar, cando parece que hai outra xente á que lle doe que nós xestionemos e tenta poñer cantas pedras no camiño poida para que xestionemos o menos posible”.

Vivendas protexidas

Por outra banda o alcalde de Ribadeo ven de enviar cartas “aos veciños que están desde hai tempo anotados no rexistro autonómico de demandantes de vivenda protexida, xa que aquí en Ribadeo está encarando a súa fase final a construción destas 30 vivendas no noso concello. Agora o goberno autonómico decidiu cambiar o sistema dese rexistro e obriga a que todas as persoas que estean interesadas volvan xestionalo”.

Suárez Barcia explicou que “como eu non quero que ninguén quede por aí esquecido e ao final non poida optar a estas vivendas mandei unha carta a cada demandante de vivenda para que proceda a volver a presentar no rexistro autonómico a súa solicitude de demanda de vivenda protexida. Esto tamén se fai extensivo para todos aqueles que non o fixeran antes e que poidan estar interesados. Todos están a tempo ata finais do vindeiro mes de maio porque son catro meses os que marca de prazo o novo decreto para adecuar a súa inscrición ás condicións e requirimentos previstos no novo decreto aprobado o 8 de xaneiro deste 2010”.

Exit mobile version