LUGO .- O servizo do 065, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, dispón na provincia de Lugo de 22 vehículos adaptados e asumirá aos usuarios do ANTA, xestionado polos concellos de Viveiro, Sarria, Monforte e Vilalba, que cumpran os requisitos e que se deran de alta.
Nota de Prensa
O SERVIZO DO 065 DISPÓN DE 22 VEHÍCULOS DISTRIBUÍDOS NA PROVINCIA PARA O TRASLADO DE PERSOAS DEPENDENTES OU CON DISCAPACIDADE
* O transporte adaptado da Xunta asumirá aos usuarios do ANTA, xestionado polos concellos de Viveiro, Sarria, Monforte e Vilalba, que cumpran os requisitos e que se deran de alta
Lugo, 26 de febreiro de 2010.- O servizo do 065, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, dispón neste momento na provincia de Lugo de 22 vehículos adaptados, distribuídos en quince áreas de actuación para o traslado dos usuarios beneficiarios deste programa.
A partir do mes de marzo, a Consellería dará cobertura tamén a unha parte dos usuarios do programa ANTA, de xestión municipal e que se mantivo ata o pasado mes de decembro cunha prórroga que durará ata o próximo domingo, razón pola que se reforzará o estudo do transporte adaptado por si fose necesario ampliar o número de servizos do 065 nestas zonas.
Ata o momento, en Lugo, os concellos de Viveiro, Sarria, Monforte e Vilalba prestaban servizos de transporte a través do programa ANTA. Este servizo debía ser suprimido ao remate de 2009, se ben a Xunta decidiu nalgúns casos ampliar o prazo durante dous meses máis.
A Consellería de Traballo e Benestar cursou comunicación aos concellos afectados para facilitar o proceso de transición, dado que para optar á asistencia dos vehículos do 065 requírese dunha solicitude, que poden tramitar ben os propios interesados individualmente, ou ben os concellos para a lista de usuarios adscritos ao programa ANTA.
A prórroga tiña por obxecto dar máis tempo a usuarios e concellos a executar a transferencia, de modo que aqueles que reúnan os requisitos pasen a ser atendidos de maneira inmediata polos vehículos do 065. As solicitudes para contar con cobertura deste servizo poden ser remitidas polos propios concellos.
O transporte adaptado do 065 ofrece traslado a todas as persoas dependentes ou que presenten unha discapacidade igual ou superior ao 65%. A fin de facilitar unha atención axeitada aos usuarios, a provincia de Lugo está dividida en 15 áreas de cobertura. A Consellería de Traballo e Benestar podería ampliar a dotación de vehículos que operan na provincia de Lugo, de estimalo necesario debido ao incremento no volume de persoas atendidas.