Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE pregunta á Xunta que actuacións ten previstas para mellorar o porto comercial de Mirasol

NOTA DE PRENSA:
REGO INTERPELA Á XUNTA SOBRE AS ACTUACIÓNS QUEN TEN PREVISTO POÑER EN MARCHA PARA MELLORAR E AMPLIAR O PORTO DE COMERCIAL DE MIRASOL

-O deputado socialista quere saber si o Goberno galego ten realizado algún tipo de xestión ou proposta de acordo institucional encamiñada a dotar o enclave portuario de melloras en termos de accesibilidade que poidan aumentar a súa competitividade

Santiago , 19 de febreiro de 2010. O deputado do Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE Ismael Rego rexistrou na Cámara Autonómica unha iniciativa na que interpela á Xunta sobre as actuacións que ten previsto poñer en marcha para mellorar e ampliar o Porto Comercial de Mirasol.

Rego relata, na iniciativa rexistrada, que a factoría de pasta de papel ENCE-NAVIA utiliza dende a súa posta en marcha o porto de Ribadeo como centro de transporte marítimo para o traslado da súa producción e das materias primas que utiliza.

Sinala que esta situación converteu o porto de Ribadeo nun dos máis importantes dos de competencia exclusiva da nosa comunidade autónoma en canto ao volume do tráfico comercial, para o que foi necesario, nos últimos anos, acometer nel distintas melloras e dotalo dos equipamentos mínimos imprescindibles para poder garantir a competitividade das súas instalacións, en concordancia coas demandas dos axentes que as utilizan para o desenvolvemento da actividade que nel realizan.

O deputado socialista di nos últimos tempos a factoría ENCE-NAVIA manifestou a necesidade de contar con máis infraestructuras no dito porto para desenvolver as súas tarefas, basicamente de embarque de pasta de papel, debido o incremento da súa producción e por ende tamén de almacenamento. Infraestructuras e equipamentos coas que o porto non conta na actualidade e sería aconsellable dotalo delas no prazo máis breve posible dado o volume de actividade que nel se desenvolve e a competencia que existe tamén noutros enclaves portuarios.

Polo exposto demanda do Goberno resposta ás seguintes preguntas:

1.ª) Entablou o Goberno galego algún tipo de conversa ou xestión co Grupo empresarial ENCE-NAVIA, sobre as demandas de infraestructuras para o desenvolvemento da súa actividade no Porto de Ribadeo?

2.ª) Cal é a disposición do Goberno galego, en canto a dotar o dito porto dos equipamentos precisos para o desenvolvemento dunha actividade competitiva de acordo coas necesidades dos seus principais operadores como é o caso de ENCE-NAVIA?

3.ª) Ten realizado o Goberno galego algún tipo de xestión ou proposta de acordo institucional encamiñada a dotar o enclave portuario de melloras en termos de accesibilidade que poidan aumentar a súa competitividade?

Exit mobile version