Nota de Prensa
O PPdeG non participará en festas políticas mentres poida haber familias afectadas polos fenómenos atmosféricos que se prevén para a noite de mañá
O PPdeG apraza a súa celebración do domingo pola alerta climatolóxica e os membros da Xunta centraranse ese día en analizar os efectos do temporal
* Os populares consideran que o máis prudente é evitar desprazamentos innecesarios e polo tanto non pedirá á súa militancia que acuda a Santiago expoñéndose aos riscos do temporal
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2010. – O PPdeG decidiu aprazar a súa conmemoración da victoria nas autonómicas do pasado ano pola alerta climatolóxica decretada para Galicia no día e a noite de mañá. Os populares consideran que o máis prudente é evitar desprazamentos innecesarios e polo tanto non pedirá á súa militancia que acuda a Santiago expoñéndose aos riscos do temporal.
Os problemas chegarán principalmente na madrugada do sábado e se ben para o domingo non se espera -polo momento- que o temporal persista, o partido non organizará unha festa política cando Galicia pode estar enfrontándose esa mañá aos danos ocasionados polos efectos da climatoloxía.
Os membros do Goberno galego destinarán polo tanto a xornada do domingo a traballar nas súas obrigas na Xunta, e a analizar os efectos que puidese sufrir a Comunidade ante un temporal que se prevé intenso.
Os populares louvan a responsabilidade do presidente, que cancela unha gran festa do partido que preside para centrarse nas súas responsabilidades coa cidadanía galega.
O PPdeG xa comunicou esta decisión ao presidente do País Vasco, Antonio Basagoiti, así como ao presidente nacional, Mariano Rajoy, que comprenderon a situación e que polo tanto non se desprazarán a Galicia para asistir a esta festa popular.
A celebración non se suspende senón que queda aprazada para outro momento, a determinar en función das axendas do presidente nacional e do presidente do PP de Galicia.
Os membros do partido con responsabilidades na Xunta demostran unha vez máis que por enriba das súas obrigas no PPdeG está o seu compromiso con Galicia.
Comportamentos como este de Feijóo e do resto de membros do Goberno demostran que Galicia, un ano despois daquel 1 de marzo, non se equivocou apostando polo partido.