Nota de Prensa
Galicia ten dereito a defender a súa autonomía financeira fronte a intención do Goberno central de presentar un recurso contra a nova normativa sobre caixas de aforro
O PP PROMOVERÁ A ADHESIÓN DOS CONCELLOS DA MARIÑA AO MANIFESTO “GALICIA TEN DEREITO” QUE APOSTA POR UNHA GRAN CAIXA GALEGA SOLVENTE
* A solvencia da fusión “está garantizada” tanto polos informes da Xunta como por prestixiosos estudos de organismos independentes.
* Os asinantes do manifesto reivindican o dereito de Galicia de desenvolverse dacordo coa propia Lei de caixas aprobada por unha maioría ampla do Parlamento.
* A iniciativa pode prosperar en moitos concellos da Mariña onde o PSOE non ten maioría, pois este partido, en solitario rexeita a fusión.
A Mariña, 9 de febreiro de 2010.- O Partido Popular da Mariña promoverá a través dunha moción plenaria a adhesión dos concellos da nosa comarca ao manifesto “Galicia ten dereito” asinado por PP, BNG e as principais forzas sindicais e patronais da nosa comunidade como aposta polo proxecto de creación dunha gran caixa galega solvente.
Segundo o PP “Galicia ten dereito á súa autonomía financeira, ten dereito a manterse e a non desaparecer do mapa financeiro estatal, e ten dereito, en definitiva, a ter unha caixa forte e galega, fundamental para o noso desenvolvemento e futuro”.
Os populares insisten na idea de que a solvencia da fusión “está garantida”, xa non só polos informes da Xunta, senón tamén “polos informes independentes de organismos de grande prestixio que acreditan que esa solución é viable”, e que “non supón ningún problema”.
A moción que será obxecto de debate nos concellos lucenses reitera, polo tanto, a vontade dos asinantes do Manifesto de reivindicar o dereito de Galicia de dispoñer da súa autonomía financeira e de desenvolverse dacordo coa propia Lei de caixas que aprobou unha maioría ampla do Parlamento de Galicia. Os manifesto defende unha lei de caixas –a galega- tan legal como a catalana ou a andaluza e aposta pola fusión das caixas para que Galicia siga estando presente no mapa financieiro español.
Os populares prefiren “que os aforros dos galegos queden en Galicia e sexan manexados desde aquí, que máis aló do Padornelo” e sospeitan que moción pode prosperar en todos os concellos onde o PSOE dispón da maioría suficiente
Galicia ten dereito
Estamos asistindo a un proceso de reordenación bancaria, impulsado polo Banco de España e o goberno central, que conleva o risco de que Galicia perda as súas caixas de aforro pola deslocalización dos seus centros de decisión, e que estas entidades de carácter social se transformen en entidades financeiras privadas.
Frente a este risco, as institucións galegas de autogoberno reaxiron. O Parlamento galego adoptou por unanimidade o acordo de establecer como prioridade o mantemento da galeguidade das caixas, a súa solvencia, e a necesidade de tramitar por urxencia a reforma da Lei galega de Caixas.
O Parlamento de Galicia aprobou por ampla maioría unha reforma da Lei de Caixas que democratiza estas institucións, fai a súa xestión máis transparente, reforza as faculdades do autogoberno para defender o sistema financeiro propio e supervisar a actuación das caixas, e que garante que estas entidades sexan efectivamente alavancas de desenvolvimento da economía produtiva do País.
A resposta do Goberno central a este acto de afirmación do autogoberno galego non pode ser máis desalentadora: presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Caixas de Galicia que conleva a paralización da súa aplicación nun momento decisivo, o que pode colocalas na situación idonea para que sexan absorbidas por entidades foráneas.
Sen a fusión das dúas caixas galegas, Galicia ficaría sen sistema financeiro propio, perdendo un dos principais instrumentos para o seu desenvolvemento económico.
Conscientes da gravedade da situación, manifestamos:
1.- Galicia ten dereito a ter un sistema financeiro eficiente ao servizo do País, regulado polo seu Parlamento, como expresión do autogoberno. É vital, por tanto, preservar a Lei de Caixas de Galicia.
2.- Galicia ten dereito a que o Estado respecte o autogoberno galego. Que non nos dean tratamento de autonomía de segunda, cuestionando a constitucionalidade da lei galega, si non se fixo coaa basca, a catalá ou a andaluza. Por que se recurre a nosa e non a deses outros territorios? O Goberno central debe reconsiderar o asunto e aceptar que as institucións galegas de autogoberno, dentro do marco competencial vixente, teñen capacidade para dotarnos do marco xurídico que se considere máis acaido para defender os intereses de todas as galegas e galegos, como ordena o Estatuto de Autonomía de Galicia.
3.- Galicia ten dereito a propiciar a fusión das súas caixas. O goberno central tamén debe aceptar que as institucións galegas teñen tanto dereito como as de calquera outra Comunidade Autónoma para impulsar unha fusión dentro do país, cando se cumpren as mesmas condicións. Galicia ten dereito a preservar e garantir a galeguidade das caixas galegas coa súa fusión. Unha fusión paritaria, da que xurda unha Caixa solvente como mellor garantia para os seus traballadores, os impositores e todas e todos os galegos.
Está en xogo boa parte do noso futuro, a dignidade do noso autogoberno e perto de 80.000 millóns de euros en activos, isto é, a maior parte do aforro das galegas e dos galegos. Está en xogo que ese aforro se invista aquí ou se desvíe cara a financiar o desenvolvimento doutros territorios.
Galicia debe defender o seu. Ten dereito.
MOCIÓN DO GRUPO POPULAR
DE ADHESIÓN AO MANIFESTO
“ GALICIA TEN DEREITO “
O Grupo Municipal Popular, ao amparo do disposto nos artigos 91.4 e 97 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais presenta ante o Pleno da Corporación Municipal esta MOCIÓN, con base nos motivos e consideracións desenvolvidos na seguinte:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
As caixas de aforros de Galicia, en canto entidades financeiras de carácter social e de natureza fundacional, teñen unha clara vinculación co territorio no que se asentan, sendo un instrumento fundamental no financiamento da economía galega. É precisamente esa función, a que ha de contribuír a mellorar o nivel socioeconómico de Galicia, máis necesaria que nunca nun contexto coma o actual de recesión económica e dificultades financeiras.
O 29 de decembro de 2009 o Parlamento de Galicia, en desenvolvemento do artigo 30.I.5 do Estatuto de Autonomía, aprobou cunha maioría cualificada de 2/3, a Lei 10/2009, do 30 de decembro, pola que se efectúa unha modificación lexislativa das caixas de aforros de Galicia.
A reforma da Lei de Caixas que democratiza estas institucións, fai a súa xestión máis transparente, reforza as faculdades do autogoberno para defender o sistema financeiro propio e supervisar a actuación das caixas, e que garante que estas entidades sexan efectivamente pezas claves para o desenvolvimento da economía produtiva do País.
A resposta do Goberno central a este acto de afirmación do autogoberno galego non pode ser máis desalentadora: presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Caixas de Galicia que conleva a paralización da súa aplicación nun momento decisivo, o que pode colocalas na situación idonea para que sexan absorbidas por entidades foráneas.
Sen a fusión das dúas caixas galegas, Galicia ficaría sen sistema financeiro propio, perdendo un dos principais instrumentos para o seu desenvolvemento económico.
Por iso, o 5 de febreiro de 2010, reunidos no Parlamento de Galicia, o representante dos empresarios Galegos, os representantes das organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT, e mais os representantes dos partidos políticos BNG e PP, acordaron asinar o manifesto “Galicia ten dereito” sobre o futuro do sistema financeiro galego, e trasladar ó resto da sociedade o seu contido para que se sumen todos aquelas institucións, organizacións, asociacións, entidades ou persoas que coincidan cos seus postulados.
Por todo iso, o Grupo Municipal Popular somete para a súa toma en consideración polo Pleno da Corporación a seguinte:
PROPOSTA DE ACORDO:
O Pleno do Concello de __________ acorda adherirse ao Manifesto “Galicia ten dereito “, dando traslado deste acordo plenario ó Parlamento de Galicia, á Xunta de Galicia, e ao Goberno de España.
En Cervo febreiro de 2010
O Voceiro local do Grupo Municipal Popular
Asdo.-
AO ALCALDE-PRESIDENTE DE _______________