Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP promove oficializar o Camiño do Mar como ruta Xacobea

NOTA DE PRENSA
Os deputados Jose Manuel Balseiro Orol e Emma Álvarez Chao presentaron hoxe en rolda de prensa esta iniciativa de impulso para que a Xunta de Galicia desenvolva os trámites e xestións oportunas que permitan obter este recoñecemento

O GRUPO POPULAR PROMOVE A OFICIALIZACIÓN DO CAMIÑO DO MAR COMO RUTA DE PEREGRINACIÓN XACOBEA

* Os populares tamén piden que se inicien os traballos para a divulgación e promoción deste percorrido que empeza en Ribadeo, e continúa polos concellos de Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, Ortigueira, Cedeira e chega ata Neda, no que se funde coa ruta oficial do Camiño Inglés chegando ata Santiago

* Distintos estudios históricos avalan que este viario cumpre cos requisitos para a súa oficialización: existe un itinerario de peregrinación histórico, dispón dunha rede asistencial na que os camiñantes obtiñan comida e cama e hai constancia demostrada de presenza continuada de peregrinos

Santiago, 26 de febreiro de 2010.- O Grupo Parlamentario Popular, a instancia dos deputados Jose Manuel Balseiro Orol e Emma Álvarez Chao rexistraron unha iniciativa de impulso na Cámara galega para instar á Xunta ao recoñecemento oficial do Camiño do Mar como ruta de peregrinación xacobea. Os deputados populares presentaron oficialmente a Proposición non de lei que inclúe este petición en rolda de prensa celebrada no día de hoxe en Viveiro, onde tamén explicaron que, ademais da súa oficialización, o PPdeG demandará do novo Executivo autonómico que se inicien os traballos para a divulgación e promoción deste percorrido

O Grupo Popular apoia, en consecuencia, a posta en valor dun itinerario avalado por distintas investigacións históricas e que percorre gran parte dos concellos do litoral da Mariña lucense. O trazado deste vieiro empeza en Ribadeo, continúa polos concellos de Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo, Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño, Narón e chega ata Neda, no que se funde co trazado oficial do Camiño Inglés chegando a Santiago.

Os deputados populares explicaron que para que un camiño deixe de ser unha simple vía de comunicación e se converta nunha ruta xacobea oficial deben cumprirse tres requisitos indispensables: demostrar a existencia dun camiño histórico sobre o que poder trazar, posteriormente, o itinerario da vía de peregrinación, corroborar a existencia dunha rede asistencial na que os peregrinos podan acollerse e atopar comida e cama e, finalmente demostrar a presenza continuada de peregrinos entorno a el e nun espazo temporal continuado.

CUMPREN TODOS OS REQUISITOS

Segundo os deputados populares todas estas condicións se estarían a cumprir no caso do Camiño de Mar, pois existe documentación histórica máis que suficiente para dar testemuña da existencia deste vieiro (constancia documental nos arquivos catedralicio e diocesano de Mondoñedo, no Histórico Nacional e en diversos arquivos municipais e parroquiais, incluído títulos de propiedade de distintos predios). Tamén existiría unha ampla rede asistencia composta por cinco hospitais: San Sebastián en Ribadeo, San Sebastián en San Martiño de Mondoñedo, San Andrés na parroquia de Lieiro, Santa Ana en Santiago de Celeiro, Santiago na parroquia de Santiago de Viveiro. E finalmente, hai constancia tamén da presenza continua de peregrinos que empregaban esta ruta costeira, nos rexistros de decesos de moitas parroquias.

“A conclusión resulta moi sinxela –finalizaron Balseiro e Álvarez- é imposible negar a existencia dun camiño físico entre Ribadeo e Viveiro, entorno ao cal existe unha rede hospitalaria empregada por peregrinos e, polo tanto, cómpre dotalo do recoñecemento oficial que corresponda”

Exit mobile version