NOTA DE PRENSA
Para o PPdeG a comarca debe estar presente no mapa da formación marítima e de acuicultura de Galicia tras catro anos de parálise e esquecemento por parte do anterior Goberno bipartito
O GRUPO POPULAR INTERÉSASE NO PARLAMENTO POLAS PREVISIÓNS DA XUNTA PARA RECUPERAR O PROXECTO DE CREACIÓN DUNHA ESCOLA NAÚTICO PESQUEIRA E DE ACUICULTURA NA MARIÑA LUCENSE
* Xa no seu momento o PPdeG liderou este proxecto na época de Goberno de Manuel Fraga, convencidos da necesidade desta escola nun espazo que conta con peiraos pesqueiros de gran importancia (como os de Burela e Celeiro), instalacións salientables no relativo ao transporte de mercadorías e múltiples proxectos empresariais no ámbito da acuicultura
* O PPdeG salienta o apoio con que conta a dotación deste centro educativo dentro do ámbito social e empresarial lucense
Burela, 02 de febreiro de 2010.- O Grupo Popular rexistrou unha iniciativa no Parlamento co obxecto de coñecer as previsións que manexa a Consellería do Mar para recuperar o proxecto de creación dunha Escola Náutico Pesqueira e de Acuicultura na Mariña lucense. Así o deu a coñecer no día de hoxe en rolda de prensa o voceiro do Mar do PPdeG, Jose Manuel Balseiro Orol, acompañado do presidente local dos populares en Burela, Jose María González Barcia.A pretensión principal do PPdeG é que A Mariña lucense estea tamén presente no mapa da formación náutico-pesqueira e de acuicultura de Galicia.
INICIATIVA DO ANTERIOR GOBERNO POPULAR
O Partido Popular de Galicia liderou na época de Goberno de Manuel Fraga este proxecto: a construción dun novo centro, de titularidade autonómica, que permitiría facer realidade o obxectivo de estender a formación e a ensinanza no ámbito das profesións relacionadas co mundo do mar e da acuicultura á costa lucense. Incluso chegou a destinar 48.000 euros á posta en marcha dun concurso de ideas para o futuro edificio.
Ata o momento A Mariña está a ser unha área que carece destas instalacións formativas pese a que nela están situados portos pesqueiros da importancia dos de Celeiro (Viveiro) e Burela, así como outras instalacións portuarias de grande importancia no tráfico de mercadorías (Ribadeo) ou salientables proxectos empresariais no ámbito da cría e engorde de peixe (piscifactorias)
O BIPARTITO DA PARÁLISE
Coa chegada do Goberno bipartito este proxecto topouse coa indiferenza da nova administración que non só o paralizou senón tamén chegou a poñer en dúbida a súa idoneidade e demanda. “O bipartito para A Mariña foi o Goberno da parálise, e tamén paralizou durante catro anos este ambicionada escola. Nin o mundo do mar, nin Burela, nin a formación náutico pesqueira eran prioridades na axenda do bipartito.”
APOIO SOCIAL, EMPRESARIAL E INSTITUCIONAL
Balseiro e González Barcia quixeron subliñar tamén, o apoio con que conta a dotación deste centro educativo dentro do ámbito social e empresarial lucense. “De xeito especial, no relativo aos profesionais que desenvolven a súa actividade no mundo do mar e da acuicultura”. Tampouco faltan os apoios de índole institucional, así por exemplo, existe un acordo do Pleno municipal do Concello de Burela, acadado con data 2 de febreiro de 2006. Naquel entonces a iniciativa do Partido Popular esta Corporación amosou o seu apoio á creación desta Escola