NOTA DE PRENSA
O GPPP asegura que persoal de confianza do Grupo Socialista da Deputación asinou o informe técnico da adxudicación do Innova-te
* Os populares din que se abriu unha oferta económica antes de informar ás empresas da puntuación do informe técnico
Lugo, a 26 de febreiro de 2010.- O Grupo provincial do Partido Popular asegura que o informe técnico para levar a cabo a adxudicación do Innova-te, cun presuposto de saída de 6.690.000 euros, ademais de ter unha “supervisión permanente” por parte dunha persoa (segundo o informe da Secretaría Xeral Adxunta da Deputación ó respecto) que ocupa un posto de confianza na Deputación a proposta do Grupo Socialista, tamén conta coa sinatura desta persoa en calidade de “revisado”. Ademais, no informe aparecen outras tres sinaturas de persoas vencelladas coa empresa redactora do informe técnico de adxudicación.
Para os populares esto demosta ata que punto a Deputación controlou e vixiou o proceso de elaboración do informe técnico. Suliñan asimesmo que na sesión da mesa de contratación de data 21 de xaneiro, na que se abriron as ofertas económicas, procedeuse á apertura dunha delas antes de que se lles informase ós representantes das empresas da valoración que cada unha delas obtivera no informe técnico de adxudicación.
Tanto é así, que foi a petición das empresas que se presentaban á licitación cando se deu lectura do resume da puntuación acadada por cada unha delas no proxecto técnico de adxudicación, e en ningún momento se fixo lectura expresa da totalidade do informe. De tal xeioto que o representante do PP solicitoulle á presidenta da mesa, a socialista Lara Méndez, que constase en acta a súa petición do informe técnico de adxudicación, á vista da confusión que se estaba a xerar. Un informe que, especifican os populares, non lle foi entregado ata o día seguinte a media mañá.
Ante estes feitos, na opinión do GPPP, a Deputación non pode presumir de “transparencia e publicidade”, porque o contrario sería ilegal. E que o PP non asistise á mesa de contratación á que fan mención, non deixa de ser irrelevante. Máis importante e maior relevancia tén que na sesión da Mesa de Contratación de apertura das ofertas económicas non estivese presente nin un só dos titulares da Mesa correspondentes á Secretaría Xeral, Intervención e Secretaría Xeral Adxunta; tanto e así, que o suplente desta última foi unha persoa que é persoal de confianza na Deputación.