Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP contento co informe de Portos sobre a viabilidade do dique de Morás

NOTA DE PRENSA
O voceiro do Mar do Grupo Popular salienta que grazas ao cumprimento do compromiso adquirido polo novo Goberno galego hoxe dispoñemos do aval técnico necesario para acadar esta histórica reivindicación da sociedade mariñán

BALSEIRO SUBLIÑA “O PASO DE XIGANTE” QUE SUPÓN O INFORME DE VIABILIDADE ELABORADO POR PORTOS DE GALICIA PARA AVALAR A APERTURA DO DIQUE NORTE DE ALCOA AO TRÁFICO COMERCIAL XERAL

* O Grupo Popular convidou ao Presidente do Ente Público Portos de Galicia a presentar na Mariña lucense o informe elaborado polo seu departamento e a iniciar de inmediato conversación co grupo Alcoa e co Ministerio de Fomento.

* Fin a demasiados anos de promesas incumpridas grazas ao impulso do novo Executivo do PPdeG: “Pasamos das palabras aos feitos” – sentenza Balseiro- “e das hipóteses ás teses confirmadas e contrastadas”

Santiago, 25 de febreiro de 2010.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, subliñou o “paso de xigante” que supón o informe de viabilidade elaborado por Portos de Galicia para avalar a apertura do dique norte de Alcoa ao tráfico comercial xeral. O parlamentario popular salienta que grazas ao cumprimento do compromiso adquirido polo novo Goberno de Feijóo “hoxe dispoñemos do aval técnico necesario para acadar esta histórica reivindicación da sociedade mariñán”.

O contido deste estudo foi presentado esta mañá polo Presidente deste ente público autonómico, Jose Manuel Álvarez Campana, quen compareceu na Comisión de Obras Públicas do Parlamento de Galicia a petición do Grupo Popular e, máis en concreto, do deputado Jose Manuel Balseiro Orol

O voceiro do Mar indicou na súa exposición que tras “demasiados anos de promesas incumpridas, e grazas ao impulso do novo Executivo do PPdeG, pasamos das palabras aos feitos, das hipóteses as teses confirmadas e contrastadas”. O novo estudo permite polo tanto coñecer a “folla de ruta” a seguir, toda vez que sabemos que o proxecto “é viable e pode realizarse”. Neste senso loubou o proceder do Pesidente de Portos de Galicia, quen xa adiantou que iniciaría conversas inmediatas co grupo Alcoa e co Ministerio de Fomento para darlles conta do contido deste estudo técnico.

30 MILLÓNS DE EUROS, LISTO EN 5 ANOS

Balseiro Orol tamén convidou a Álvarez Campana a realizar na Mariña a presentación pública do estudo. Nel contense dous datos significativos, que o custe de levalo adiante se estima en 30 millóns de euros –incluído os accesos- o que “non é unha cantidade moi elevada, e perfectamente asumible”, e que de existir vontade e acordo por parte de todas as administración e empresas implicadas “podería estar operativo en cinco anos”.

LOBEIRA EN EVIDENCIA

Por outra banda, matizando as palabras do voceiro nacionalista, Bieito Lobeira, o deputado popular explicou que o Concello de Cervo acordou con data 2 de decembro de 2009, co voto favorable do PPdeG, asumir unha resolución da Alcaldía pola que se reclamaba a apertura do dique norte de Alcoa ao tráfico comercial xeral e a creación da autoridade portuaria propia para A Mariña, petición que dirixían ao Ministerio de Fomento. Despois disto o Grupo Popular, abstívose na moción do BNG que se tratou de seguido neste mesmo pleno, e cuxo acordo xa non tiña sentido pois coincidía en reclamar a apertura do dique norte de Alcoa pero esquecía solicitar tamén a autoridade portuaria propia para xestionalo. O nacionalista Lobeira polo tanto intentou enganar á Comisión facendo crer que o compromiso do PP e do propio Balseiro, non era firme na defensa da consecución desta infraestrutura. O voceiro do Mar fixo entrega ao Presidente da Comisión da acta do Concello de Cervo que contiña dito acordo para deixar en evidencia ao deputado nacionalista.

Exit mobile version