NOTA DE PRENSA:
Os populares subliñan o seu total apoio ás iniciativas que desde o novo Goberno de Galicia se están a desenvolver co obxecto de evitar que ENCE deixe de empregar as instalacións portuarias de Ribadeo para o envío e recepción de madeira e pasta de papel
O PSOE FAVORECE AOS PORTOS ASTURIANOS EN DETRIMENTO DE MIRASOL
· Os populares amosan a súa sorpresa porque sexa un deputado socialista quen pregunte no Parlamento galego por esta cuestión, á remolque das iniciativas do PP, tendo en conta que é o Ministerio de Fomento quen achega o investimento necesario para que Mirasol perda a actividade de empresa papeleira
A Mariña, 20 de febreiro de 2010.- O Partido Socialista (PSOE) estaría a favorecer aos portos asturianos en detrimento do peirao galego de Mirasol, así polo menos o afirman os populares da Mariña lucense que subliñan que están a ser investimentos patrocinados polo Ministerio de Fomento os que converten ao porto do Musel, en Xixón, nunha perigosa ameaza que podería rematar por ser unha alternativa definitiva para facerse coa actividade da empresa papeleira ENCE, que na actualidade xera máis do 65% das operacións de carga e descarga de mercadorías no porto de Ribadeo.
Desde o PP explican que o departamento ministerial que dirixe o galego Jose Blanco está a investir unha importante cantidade de diñeiro en Asturias para construír o ramal de FEVE (empresa pública dependente de Fomento) co que queren conectar a fábrica de ENCE co porto de Xixón evitando así ter que desprazar as mercadorías ata Ribadeo. Ademais o Executivo socialista central estaría a investir tamén na creación de novos accesos ao porto de Xixón e nunha terminal portuaria, todo coa intención de suplantar ao porto galego.
No Partido Popular da Mariña queren subliñar o seu total apoio ás iniciativas que desde o novo Goberno de Galicia, comandado por Alberto Núñez Feijóo, se están a desenvolver co obxecto de evitar que ENCE deixe de empregar as instalacións portuarias de Ribadeo para o envío e recepción de madeira e pasta de papel, baseadas fundamentalmente nunha importantísima rebaixa das taxas portuarias. Ademais os populares acusan ao anterior Goberno bipartito de “total pasividade” pois durante os catro últimos anos non desenvolveron ningún tipo de iniciativa dirixida a facer reconsiderar á empresa papeleira o pretendido cese das súas actividades desde o porto de Mirasol.
Os populares quixeron tamén amosar a súa sorpresa porque sexa un deputado socialista quen agora tamén pregunte no Parlamento galego por esta cuestión, á remolque das iniciativas do PP, tendo en conta que está a ser unha decisión de cargos públicos do PSOE as que posibilitan este atropelo para os intereses do porto galego de Mirasol.