Nota de Prensa
O PLAN DO LITORAL AFECTA EN CERVO A 1206 HECTÁREAS DAS QUE 586 ESTÁN SITUADAS POR RIBA DO 500 METROS DE COSTA
O POL limita usos residenciais na zona de Lieiro e San Cibrao ate Río Covo e elimina solo urbanizábel existente no planeamento entre a Praia da Limosa e a desembocadura do Covo
As previsións de expansión de San Cibrao incluídas no PXOM e a modificación das normas actualmente en tramitación en Lieiro non entran nas determinación fixadas polo POL
Os nacionalistas agardan do PP o mesmo esforzo na defensa dos intereses dos veciños que o mostrado noutro tempo cos dos promotores
Os usos residenciais en San Cibrao e Lieiro quedan delimitados ao norte do trazado da vía férrea á espera da aprobación do PXOM.
Os nacionalistas cualificaron de despropósito as determinacións contidas no Plan do Litoral aprobado inicialmente polo Goberno Galego na súa afectación ao concello de Cervo, de acordo co disposto neste documento 1.206ha de solo estarán sometidas a diferentes graos de protección, destacando que 586ha están por riba do 500 metros da costa; o portavoz nacionalista, Xoán Antón Estúa, preguntouse onde están os discursos catastrofistas do PP xa que agora non estamos diante dun decreto provisional, senón dunha normativa marco á que haberá que adaptarse. Os nacionalistas informaron da existencia de 370ha. de solo de protección , das que 120 poderían considerarse como solo urbano non consolidado, nas que non se vai permitir ningún uso residencial a pesar de que os seus propietarios levan anos pagando o catastro de urbana. Estúa, aclarou que toda a zona de Lieiro ao sur da vía férrea, así como todo o tramo entre Galdín e Rio Covo queda pendente da redacción do PXOM que determinará o seu uso, e os terreos existentes ente a praia da Limosa e a desembocadura do Covo queda eliminada calquera posibilidade de expansión urbanística, polo que Estúa pediu ao PP o mesmo esforzo na defensa dos intereses veciños que o que puxo cando o fixo cos de algúns promotores.
As afectacións do POLO chegan ao Alto da Venta e Figueirido polo corredor de protección dos ríos Covo e Xunco.
Os nacionalistas informaron que a área de afectación do POL para Mellora Ambiental e Paisaxística(MAP) afecta no concello de Cervo a 304ha. nas que agás excepcións, non están permitidos usos residenciais. Incluíndose nesta franxa toda a zona costeira dende a Praia da Limosa até o límite con Burela ao norte e sur da vía férrea. Por outra banda a protección de corredor dos ríos Covo e Xunco establece áreas de protección que chegan no primeiro caso ao Alto da Venta e a Figueirido no segundo. Establécense núcleos de carácter urbano na Urbanización Río Covo, Baltar, Pedrosa, Fontao, Cuíña, Figueirido ou Daián que requiriran informes da Xunta para novos usos residenciais; ademais hai vivendas de Rueta que quedan fora de ordenación ao estar incluídas na área de protección de litoral.
Todo San Cibrao dende A Veiga ate o Faro queda cualificado como Núcleo de Identidade de Litoral polo que terá condicións específicas que obrigarán a xustificar novas edificacións.
A inclusión de San Cibrao como Núcleo de Identidade de Litoral obrigará a xustificar novos crecementos urbanísticos, que en calquera caso atenderán aos criterios de manter a morfoloxía tradicional da vila de acordo con tipoloxías urbanísticas acordes co entorno, coidando a consolidación da malla urbana con especial atención ao tratamento da fachada marítima.
O PXOM e a modificación puntual das normas de planeamento en Lieiro son papel mollado coas determinacións fixadas polo POL
Por último, os nacionalistas lembraron que o goberno municipal leva oito anos arrastrando a redacción do PXOM que agora entra en contradición co POL ao que se deberá adaptar, polo que Estúa preguntouse canto vai tardar o alcalde en explicarnos como vai solucionar o problema. Estúa ademais lembrou que a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento no núcleo de Lieiro, aprobadas inicialmente e en periodo de alegacións, son papel mollado de non aprobarse antes que o POL, xa que a área afectada fica fora de ordenación até que o PXOM determine os seus usos.