Site icon Crónica3.com A Mariña

O pleno de Cervo estudará que a modificación das normas de Lieiro tamén inclúan ao Bao e Rozabella

CERVO .- O goberno do Concello de Cervo presentará no vindeiro pleno municipal unha proposta de alegacións á modificación puntual das normas urbanísticas da zona de Lieiro, a cal está promovida dende o propio Concello e cuxa aprobación inicial tivo lugar o pasado mes de decembro.

NOTA DE PRENSA

O GRUPO DE GOBERNO LOCAL PROPORÁ NO PLENO QUE A MODIFICACIÓN DAS NORMAS URBANÍSTICAS DE LIEIRO TAMÉN INCLÚA AO BAO E ROZABELLA

Cervo, 9 de febreiro de 2010.- O grupo de Goberno do Concello de Cervo presentará no vindeiro pleno municipal unha proposta de alegacións á modificación puntual das normas urbanísticas da zona de Lieiro, a cal está promovida dende o propio Concello e cuxa aprobación inicial tivo lugar o pasado mes de decembro.

Segundo indicou o rexedor cervense, Alfonso Villares, as alegacións consisten na solicitude de ampliación da zona inicialmente acordada polos técnicos como área de catalogación de núcleo rural ata os lugares de O Bao e Rozabella.

No proxecto inicial de modificación das normas urbanísticas de Lieiro aprobado en decembro pasado estas dúas zonas mantiñan o seu carácter de solo urbanizable. “Agora, unha vez aberto o período de alegacións e despois de escoitar as suxestións e peticións de veciños e propietarios, decidimos solicitar á Xunta que tamén inclúan estes dous puntos dentro da área de núcleo rural” indicou o alcalde.

A modificación das normas urbanísticas de Lieiro é unha iniciativa do grupo de Goberno local aprobada de xeito inicial o pasado 2 de decembro pola corporación municipal cervense. Con este cambio normativo o Concello pretende que unha superficie de 28.000 metros cadrados, correspondentes ao asentamento orixinario de Lieiro e situada ao sur da vía de Feve, deixe de ser zona urbanizable e se converta en solo de núcleo rural.

Alfonso Villares lembrou que o obxectivo do Goberno local é “protexer un núcleo de poboación, xa asentado e moi singularizado, pola tipoloxía tradicional das súas edificacións e pola súa vinculación coa explotación racional dos recursos naturais”.

Todo elo co fin último de “evitar que se poidan levar adiante actuacións urbanísticas que podan poñer en perigo a ordenación racional desta área e a preservación dos valores existentes na mesma”, agregou.

Exit mobile version