BURELA (FNC) .- Os orzamentos de Burela para 2010 que ascenden a 6,1 millóns de euros aprobaránse inicialmente no pleno ordinario previsto para o vindeiro xoves ás 20:00 horas. O alcalde asegura que se trata duns presupostos realistas e responsables.
Alfredo Llano sinala que “os orzamentos están pensados e condicionados pola situación económica e polos tempos difíciles que estamos a vivir. Os presupostos sufren un descenso do 10% con respecto aos do ano pasado e situánse nos 6,1 millóns de euros fronte aos 6,7 do 2009. A baixada ven motivada porque os ingresos de natureza corrente e tributaria como son os impostos, as taxas e prezos públicos non van subir. Fixemos un cálculo de acordo cos ingresos do ano pasado, témolos de referencia e pensamos que non van subir. Tamén tivemos en conta o descenso que se produciu nos impostos sobre construccións, instalacións e obras e nas taxas urbanística e por ocupación de dominio público. Básicamente aquí está a baixada máis notoria que temos no noso Concello, como en todos os Concellos da comarca e no resto da provincia”.
O rexedor de Burela manifesta que “hai que engadir que as transferencias correntes procedentes do Estado tamén baixan un pouco e as da Xunta tampouco serán o que eran, co que vímonos na obriga de facer uns presupostos realistas, acordes cos tempos que estamos a vivir e pensando en aforrar o máximo posible. Non temos que queixarnos moito este ano, non hai moito para inversións pero sí que temos un plan E que achegará ao Concello de Burela 800.000 euros. Trátase dunha boa cantidade destinada a investimentos na nosa vila, que se engaden as posibilidades de inversión que ten o Concello e despois están os outros 200.000 euros tamén dese plan para políticas sociais”.
Llano agarda que “durante todo o ano aparezcan indicadores positivos e que poidan vir a Burela outros fondos adicionais a modo de subvencións, de axudas… para complementar algunha partida procedente do Estado e da Xunta e tamén temos que contar coa Deputación Provinvial de Lugo. Nós procuramos facer as cousas da mellor maneira posible, teremos que estar moi atentos aos gastos, pero tamén hai que dicir que están garantidos todos os nosos servizos e os soldos dos funcionarios. Os orzamentos perden en cuantía con respecto aos de 2009, pero non quere dicir que non se vaian a levar adiante os compromisos adquiridos para este 2010. Estas contas resúmense nunha palabra que é responsabilidade”.