Site icon Crónica3.com A Mariña

A compañia de teatro Chévere impartir en Foz un obradoiro para-teatral

FOZ .- O Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza un obradoiro para-teatral “Ser home por un día” que impartirá a compañía teatral Chévere. Celebrarase en Foz e prazo de inscrición permanecerá aberto até o vindeiro martes 16

Nota de Prensa

Ábrese o prazo para inscribirse no obradoiro “Ser home por un día”, impartido pola compañía teatral Chévere e organizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade

A experiencia para-teatral terá lugar na Casa do Mar de Foz (Paseo da Ribeira)  o vindeiro xoves 18, entre as 16 e as 22 horas

O Observatorio da Mariña pola Igualdade trae a Foz o obradoiro para-teatral SER HOME POR UN DÍA, impartido pola compañía teatral Chévere, unha actividade que promove o cambio de roles de xénero por parte das mulleres para descubriren, por un día, que se sente sendo home.

O prazo de inscrición para o obradoiro permanecerá aberto até o vindeiro martes 16 (martes de Entroido), e para anotarse abonda con enviar un correo electrónico a observatorioigualdade@gmail.com ou chamar ao 630335954.

A actividade está  dirixida preferentemente ás socias do Observatorio, e aquelas mulleres que desexen participar sen seren socias, terán que aboar 20 euros en concepto de matrícula (importe equivalente á cota anual de socia). Deste xeito, desde o Observatorio intentamos por unha banda ofrecer actividades ao un tempo lúdicas e formativas para as socias, así como mostrarlle á cidadanía a importancia que a súa contribución ten na consolidación de redes fluídas no asociacionismo mariñán.

As mulleres que desexen participar deben levar a roupa de home que necesite para crear a súa identidade masculina (tamén gorras, calzado, gafas, garabatas, etc.). Debe levar tamén gomina para o pelo, unha venda elástica (mínimo de 10 cm. de ancho e 10 m. de longo) para disimular o peito e unhas tesoiras pequenas.

Durante o obradoiro para-teatral, as actrices Patricia de Lorenzo e Natalia Outeiro e máis a maquilladora Estefanía Bello, da compañía teatral Chévere,  traballan con cada unha das participantes para crear unha nova identidade masculina e para acadar unha experiencia colectiva de emancipación de xénero.

O que se quere propoñer é un cambio de papeis. Por un día, polo menos, asumirán o personaxe do outro, para concienciarse de que o xénero é algo construído e, polo tanto, modificable. Apréndese así ocupar o espazo, camiñar, comer, beber, coller obxectos, sorrir, falar, etc., como homes. As participantes relacionaranse entre si como as súas personaxes e investigarán novos comportamentos. Remátase cunha visita a un lugar público como un bar, onde se poñen a proba as novas identidades.

Exit mobile version