Site icon Crónica3.com A Mariña

O eterno Entroido

A data do nacemento do entroido non quedou rexistrada: a súa orixe pérdese nas tebras da prehistoria. Ó longo dos tempos foron os historiadores, etnógrafos, antropólogos e demais estudiosos quen se ocuparon de investigar sobre a súa procedencia, significado e o desarrollo dunha práctica que, no noso caso, forma parte da celebración das festas rituais de Galicia, baseadas no ciclo natural, sempre de inspiración agraria. Feito que se da, por outra parte,nas diferentes sociedades universais.

A festa supón a conmemoración dun acontecemento ou data especial e responde á fonda necesidade do home de expresarse e recrearse dun xeito non habitual. É sinónimo de tempo de lecer e de diversión en boa compaña. A miúdo as festas implican tamén a ruptura coas regras cotiás propiciando incluso o exceso ou mesmo a desorde. Nas festas populares galegas atopamos outros compoñentes de gran relevancia como o comensalismo, o costume de xantar e beber en abundancia e ben acompañados nestas datas; deste xeito a festa adoita a ser en Galicia tempo de pratos especiais, aproveitando a calidade dos productos de cada estación e comarca. E non podemos esquecer tampouco a troula, as cancións, a música, o baile e todo aquilo que fale de diversión e de ruptura da monotonía diaria. As festas rituais serven, de xeración en xeración, para transmitilos nosos costumes e crenzas populares, como unha vía mais da expresión da tradición. O carnaval é un escenario no que se expresan, mediante actitudes e recursos diversos,un complexo de conceptos que nos axudan a definir a personalidade da comunidade protagonista; pero para entender esa mensaxe habemos de ter presente que o Entroido sempre fala en negativo, opoñéndose á norma imperante o resto do ano.

Houbo un tempo no que ningunha aldea galega que se preciase deixaba de vivir as súas entroidadas espontáneas, sinxelas e liberadoras; eran festas colectivas populares, xurdidas dunha tolemia espontánea na que todos tomaban parte.
Suso Fernández

Exit mobile version