Nota de Prensa
COMUNICADO DE PRENSA DO BNG DE RIBADEO
O BNG de Ribadeo quere lembrar a toda a sociedade ribadense que, un ano máis, e despois dunha vontade clara de consenso por parte do equipo de goberno, vanse levar a cabo unha serie de obras que mellorarán a nosa calidade de vida. O acerto na escolla das mesmas é mérito de todos. Seguramente cada un dos grupos municipais cedeu nalgunha cousa que consideraba moi importante; pero entre todos achamos o denominador común.
Ignorar esta realidade e querela reducir a un Plan E feito por ZP resulta cando menos un pouco inxenuo politicamente. Todos sabemos que dito plan foi deseñado polo goberno central para intentar facer fronte á crise que estamos a vivir. Un goberno presidido por Rodríguez Zapatero, que a veces pórtase como se dispuxera de maioría absoluta (ou cando menos iso aparenta algunha agrupación local socialista).
Pretender apropiarse de dito Plan ignorando que todos os cidadáns e cidadás ribadenses pagamos impostos como calquera outra persoa de calquera outra vila ou cidade non ten ningún sentido. A cada quen o seu mérito. Pero ignorar o importante papel desempeñado por cada un dos concellos na posta en práctica deste plan é absurdo.
O esforzo do grupo municipal do BNG no concello de Ribadeo, encabezado polo alcalde Fernando Suárez Barcia, logrou que as obras do Plan E do ano 2009 saíran adiante e supuxeran unha mellora considerábel en moitas infraestruturas ribadenses. Pero esquecer que dito Plan aplicouse en Ribadeo grazas á disposición de todos os grupos municipais a facelo por consenso sería inxusto.
O BNG de Ribadeo ten demostrado en distintos aspectos da vida política local, autonómica e estatal a súa capacidade de diálogo construtivo, a súa disposición a recoñecer aos demais como interlocutores. Pero agardamos dos demais a mesma disposición, seriedade, rigor e coherencia. Reducir o esforzo colectivo por sacar adiante unha serie de obras a un simple “Fíxoo Xan… ou Pericán” resulta cando menos insulso.
Pero se ademais se dan bandazos tan pronunciados como no tema da RPT, da negociación colectiva no Concello, e noutros xa pasados, todo iso vai facendo un pouso difícil de ignorar de cara ao futuro.