Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo entregou 29 axudas para compra de libros e material escolar

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a concelleira de Educación, Yolanda Pedreira, fixeron esta tarde entrega dos cheques de axuda para a compra de libros e material escolar do actual curso 2009-2010 a 29 alumnos de segundo ciclo de Educación Infantil do municipio.

Nota de Prensa

O CONCELLO OUTORGA MÁIS DE 3.000 EUROS EN AXUDAS PARA A COMPRA DE LIBROS E MATERIAL ESCOLAR PARA OS ALUMNOS DO SEGUNDO CICLO DE EDUCACIÓN INFANTIL

* Na presente convocatoria recibíronse un total de 35 solicitudes, das cales 29 foron as que se axustaban ás bases para ter dereito a percibir estas axudas

* A liña de axudas municipais dirixida á Educación supera os 60.000 euros anuais

Cervo, 24 de febreiro de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a concelleira de Educación, Yolanda Pedreira, fixeron esta tarde entrega dos cheques de axuda para a compra de libros e material escolar do actual curso 2009-2010 a 29 alumnos de segundo ciclo de Educación Infantil do municipio.

Na presente convocatoria recibíronse no Concello un total de 35 solicitudes, das cales 29 foron as que se axustaban ás bases para ter dereito a percibir estas axudas, segundo o valorado polos servizos xurídicos e de intervención municipais. A cuantía total destas subvencións ascende a 3.335 euros e as cantidades asignadas a cada un dos beneficiarios oscila entre os 77 euros e os 212, dependendo do nivel de renda de cada un deles.

No acto de entrega das axudas, o alcalde salientou que o Concello era consciente da demanda social deste tipo de axudas. Neste senso lembrou que Cervo é un dos municipios pioneiros da comarca da Mariña na posta en marcha deste tipo de axudas.  “Dende hai anos que vimos apostando pola Educación como motor principal do futuro deste municipio” asegurou o rexedor cervense.

Segundo Villares, así  o reflicten “estas e outras moitas axudas” que ten o Concello relativas co sistema educativo no termo municipal “coma son as axudas ao transporte, ás asociacións de Nais e Pais, ou a contratación de conserxes en tódolos colexios do municipio” indicou o rexedior.

“Estas liñas de subvencións municipais -dixo- superan anualmente os 60.000 euros sen contar os gastos de mantemento dos colexios, os cales todos os Concellos estamos obrigados a afrontar. Pretendemos, en definitiva, contribuír a facer efectivo o principio de igualdade no exercicio do dereito á educación dos nenos e nenas do noso municipio”. Neste senso asegurou que o equipo de Goberno local seguirá traballando “para fomentar o ensino de calidade entre os nosos rapaces”.

Coincidindo co inicio do curso escolar, a concellería de Educación do Concello de Cervo convoca anualmente a liña de axudas municipais para a adquisición de libros e material escolar destinada aos alumnos do segundo ciclo de Educación Infantil do concello.

Nesta convocatoria podían optar ás axudas aquelas unidades familiares empadroadas no municipio que tiveran fillos de tres a cinco anos (segundo ciclo de Educación Infantil) e que non superaran o 150% do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples) per cápita.

Exit mobile version