Site icon Crónica3.com A Mariña

O colectivo cultural Ollomao de Barreiros lamenta a perda de Antón Moreda

BARREIROS .- O colectivo cultural Ollomao “lamenta a perda do ilustre veciño barreirense, Antón Moreda, un referente na defensa da cultura e do idioma”.

NOTA DE PRENSA

Barreiros, 4 de Febreiro de 2010

O COLECTIVO CULTURAL OLLOMAO LAMENTA A PERDA DO ILUSTRE VECIñO BARREIRENSE, ANTÓN MOREDA, UN REFERENTE NA DEFENSA DA CULTURA E DO IDIOMA.

Antón Moreda foi homenaxeado no seu pobo natal nun acto organizado baixo o nome “ A un veciño esquecido” polo colectivo barreirense a finais do ano 2007, no que se contara coa presenza de numerosas personalidades da vida política e cultural galegas.

O Colectivo Cultural Ollomao quere lamentar a perda dunha figura tan importante na historia política e cultural da nosa Nación, á vez que fai un chamamento para que o seu legado sexa entendido como propio do pobo e non fique no esquecemento. Desde o colectivo aseguran que “ recollemos o facho do traballo iniciado por persoas como Antón Moreda que traballaron dándoo todo pola nosa Patria sen agardar nada a cambio. Desde Ollomao loitaremos, igual que o fixo o irmán e veciño Antón, para dignificar a nosa lingua e a nosa cultura. Non permitiremos que se deixe caer no esquecemento a súa figura nen, por suposto, todo o seu traballo e a súa loita polo recoñecemento de Galiza, da súa lingua e da súa cultura.”

Neste sentido, desde Ollomao manifestan que o apoio recibido por Antón Moreda no 2007 na homenaxe celebrado en San Miguel de parte dos seus veciños, debe traducirse tamén nun recoñecemento institucional ao traballo que levou a cabo a prol ata o último momento da súa vida. “Antón Moreda non pode ser esquecido ou ocultado, senón que debe ser un motivo de orgullo para todos os que tivemos a sorte de nacer no mesmo sitio ca el.” Por isto, sinalan desde o Colectivo Cultural Ollomao que rexistrarán no concello de Barreiros unha iniciativa para que este sinalado veciño dea nome a algunha rúa, praza ou espazo público do seu concello natal. “É unha débeda que se ten con Antón Moreda, un Barreirense orgulloso de selo que pregonaba aos catro ventos que o seu lugar de nacemento era San Miguel de Reinante”, aseguran desde Ollomao.

O noso maior recoñecemento para o irmán e veciño Antón Moreda, sempre na memoria.

Exit mobile version