Site icon Crónica3.com A Mariña

O Centro de Dinamización de Burela impartiu unhas 1.400 horas de formación desde xaneiro de 2008

BURELA .- A Rede de Dinamización da Sociedade da Información continuou en xaneiro co seu traballo decidido a prol da inmersión da sociedade galega nas Novas Tecnoloxías en Burela. No mes de xaneiro impartiu un total de 5 obradoiros tecnolóxicos, a través dos que se formou a 41 persoas e que se estenderon ao longo de 47 horas.

Os obradoiros impartidos foron os seguintes: “Creación dunha conta de correo electrónico”, “Procesador de textos: Writer”, “Iniciación a Internet”, “Procura de emprego por Internet” e “Iniciación á Informática: GNU/Linux”.

Ademais, deuse a charla “Mozilla Firefox: Navegador libre” na que se amosou como empregar o navegador libre de Internet e as súas opcións máis comúns de configuración e personalización. A charla tivo unha boa acollida xa que asistiron 11 persoas.

Asemade, 14 persoas inscribíronse como usuarios/as da Rede para poder aproveitar -sempre de xeito gratuíto- as instalacións e todas as iniciativas que esta oferta, que foi utilizada nun total de 593 ocasións.

En canto aos números xerais da Rede, desde que botara a andar neste concello de Burela en xaneiro de 2008, foron xa 425 os usuarios e usuarias que fixeron o carné da RDSI. Neste tempo leváronse a cabo 145 obradoiros que se estenderon ao longo de 1.381 horas e nos que se formou a 879 participantes. Aínda que os obradoiros son a principal actividade formativa que oferta a Rede, tamén se fixeron 8 charlas e 3 iniciativas, nas que participaron 140 persoas.

A Rede de Dinamización, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, enmarcada no PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información), é unha das estratexias fundamentais para a inclusión na Sociedade da Información. A Rede ten entre os seus principais obxectivos titorizar a cidadanía con maiores dificultades e proporcionarlles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da S. I. A RDSI conta con 51 dinamizadores e dinamizadoras espallados pola xeografía galega en diversos Centros de Dinamización, nos que se desenvolven charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital, entre outros, adaptados ás necesidades de diferentes colectivos sociais como son mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as súas actividades poden dirixirse ao Centro de Dinamización de Burela, sito na Casa da Xuventude do concello ou mandar un correo electrónico ao enderezo: roberto.burela@dinamiza.fundacioncalidade.org.

Contacto:

Roberto Caneiro Manteiga

Dinamizador da Sociedade da Información

Para máis información sobre o proxecto pódese acudir ao portal web da Rede de Dinamización da Sociedade da Información: www.redededinamizacion.eu.

Exit mobile version