Site icon Crónica3.com A Mariña

O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación impartirá máis obradoiros nos colexios da provincia

LUGO .- A Deputación  está a aumentar o número de cursos que o Centro de Artesanía e Deseño, está a organizar nos colexios da provincia debido ó éxito de convocatoria.

NOTA DE PRENSA

A Deputación aumenta o número de obradoiros nos colexios da provincia debido ó éxito de convocatoria

Máis de 2.000 cativos participarán nas 200 xornadas formativas que organiza o Centro de Artesanía e Deseño

A Deputación  está a aumentar o número de cursos que o Centro de Artesanía e Deseño, dependente do organismo provincial, está a organizar nos colexios da provincia debido ó éxito de convocatoria. Deste xeito, dende que comezou a programación de obradoiros portátiles no mes novembro e ata xuño, o CENTRAD celebrará unhas 200 xornadas formativas en centros de ensinanza de todas as comarcas lucenses, e nas que poderán participar máis de 2.000 nenos.

O Centro de Artesanía e Deseño presentou a oferta de obradoiros para o curso académico 2009-2010 o pasado mes de maio. Todos os centros de ensinanza recibiron unha invitación para participar de forma totalmente gratuita en distintas xornadas nas que os cativos coñecen as oríxenes e técnicas dos oficios tradicionais. Os únicos requisitos son que os artesáns estén acompañados por persoal do colexio, e que o número de participantes para cada curso non supere os 10 rapaces.

Dende entón, o CENTRAD segue a recibir peticións por parte dos centros de ensinanza, e mesmo de asociación de pais, para organizar novas xornadas debido ó número de cativos interesados nos cursos sobre fabricación de papel, encadernación, cestaría, tapiz, monicreques, e instrumentos musicais.

Deste xeito, a Deputación vén de ampliar o número de obradoiros no IES Gregorio Fernández de Sarria onde preto de 30 nenos enchían a lista de espera para participar no curso sobre instrumentos musicais. Da mesma forma, os colexios de Becerreá e Riotorto tamén se incorporaron recentemente ó programa.

O organismo provincial está a elaborar a programación de obradoiros portátiles para o curso 2010-2011, na que xa hai 160 cursos pechados malia que as previsións indican que o número se incrementará.

Exit mobile version