LUGO .- O Centro de Cestaría do río Rato acolle dende hoxe o obradoiro de “xuncos de lagoa”, impartido polo artesán Carlos Fontales e por primeira vez un curso para a construción de complementos de coiro
O CENTRAD imparte por primeira vez un curso para a construción de complementos de coiro
– No obradoiro abordarase a fabricación, deseño e patronaxe deste material na zapatería, marroquinería e coreoplastia
– O Centro de Cestaría do río Rato acolle dende hoxe o obradoiro de “xuncos de lagoa”, impartido polo artesán Carlos Fontales
O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación ofrece por primeira vez un curso para a construción de complementos de coiro. A acción formativa impártese dende hoxe ata o venres, 26 de febreiro. Esta é a primeira das tres partes das que consta o obradoiro, xa que o resto desenvolveranse na primavera e no outono. No curso abordarase, ademais da fabricación de complementos, outros aspectos desta industria como son o deseño e a patronaxe do coiro en catro áreas: zapatería, construción de obxectos de volume, coreoplastia e marroquinería.
Deste xeito, o Centro de Artesanía e Depeño pretende recuperar unha técnica que a principios de século constituía un oficio plenamente consolidado na provincia e en Galicia. Na actualidade, tan só na zona sur da provincia, concretamente en Monforte de Lemos, se conserva este saber facer.
O curso, que será impartido polo artesán madrileño José Ramón Lleó, desenvólvese en horario de 16:00 a 20:00 horas nos pavillóns do CENTRAD. Dispón de 40 horas de formación e nel participan uns 10 alumnos.
Cestaría de xuncos
No Centro de Cestaría do río Rato tamén se está a celebrar o curso de “xuncos de lagoa”. No obradoiro, que se desenvolve ata o 19 de febreiro, participan uns 16 alumnos. Trátase do segundo curso de cestaría que imparte o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación dentro da programación de inverno. Ó igual que no de coiro, o horario é de 16:00 a 20:00 horas. Neste caso, o docente é o artesán Carlos Fontales.