Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG desminte ao PP e pide que Barreiro “rectifique” sobre a contratación dun militante para a fundación CREA

Nota de Prensa

O BNG ESÍXELLE A BARREIRO QUE RETIRE A ACUSACIÓN SOBRE A SUPOSTA CONTRATACIÓN DUN MILITANTE DO BNG PARA A FUNDACIÓN CREA

Antonio Veiga, portavoz do grupo provincial e responsábel comarcal do BNG na Mariña, pide que Barreiro “rectifique publicamente as falsas afirmacións que hoxe saen en prensa” xa que “a persoa que el nomea non é militante do BNG nin ten ningunha vinculación”

Lugo, 18 de febreiro de 2010. Esta mañá, o portavoz do grupo provincial e responsábel comarcal do BNG na Mariña, Antonio Veiga, esixiulle ao grupo provincial do PP, e nomeadamente ao responsábel das declaracións que hoxe se recollen na prensa, o seu portavoz Xosé Manuel Barreiro, que “rectifique publicamente as falsas afirmacións sobre a suposta contratación para a fundación Crea dun membro do BNG de Ribadeo”.

Para desmentir esta afirmación do PP, Antonio Veiga explicou que a persoa que Barreiro menciona “non é militante do BNG nin ten ningunha vinculación co BNG, polo que lle esiximos ao señor Barreiro que rectifique inmediata e publicamente xa que senón teremos que pensar que o PP está instalado no “todo vale” á hora de facer oposición, incluso contar mentiras”.

O BNG considera moi grave que se vertan á luz pública este tipo de declaracións, que ademais de ser falsas, están dirixidas a unha persoa, non a un cargo ou representación dunha organización, polo tanto o dereito á intimidade debe ser respectado.

Este tipo de manobras do PP son, para o BNG, unha mostra da debilidade que están a facer manifesta día a día os populares desde a oposición, tendo que empregar artimañas como as mentiras para tentar deteriorar a imaxe das outras formacións políticas.

Exit mobile version