Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove considera que aumentar a idade de xubilación é inxusto cos traballadores

NOTA DE PRENSA:
A reforma das pensións

Marco López, responsábel local do BNG de Xove, declarou hoxe que a revisión do Pacto de Toledo conta con varios elementos regresivos, como o de elevar a idade legal de xubilación aos 67 anos, e que non se pode xustificar aludindo á garantía do sistema público de pensións. O cargo orgánico do Bloque manifestou que a Seguridade Social leva trinta anos acumulando superávit, é dicir, que ingresa máis cartos dos que gasta en pensións e subsidios.
Para refrendar estes datos, López lembrou a creación no ano 2000 do Fondo de Reserva da Seguridade Social, que gardaría parte do superávit que se viña xerando anualmente: no ano 2000 este fondo tiña 601 millóns de euros e na actualidade conta con máis de 60.000 millóns de euros. Os datos da nosa Seguridade Social son os mellores de toda Europa.
O BNG de Xove cre que detrás desta manobra política atópase un interese velado, tanto do PSOE coma do PP, de promover a implantación de Plans de Pensións Privados que favorezan ás sociedades bancarias e, deste xeito, continuar especulando nos mercados financeiros internacionais.
Nesta mesma liña, Marco López argumentou que a comisión media que cobran as entidades financieiras por xestionar os Plans de Pensións Privados é dun 1,11%, mentres que a rendibilidade ponderada deses mesmos plans foi negativa no último exercicio: “nin máis nin menos que dun -6,1%”, asegurou.
Porén, estas mesmas entidades que cobran comisións por investir uns cartos que despois perden, son as que promoven (co visto e prace de PSOE e PP) a redución de salarios, o recorte nas pensións, a baixada das prestacións por desemprego e o abaratamento do despido.
Por iso desde o BNG de Xove vaise instar no vindeiro pleno municipal, convocado para o luns día 8 de marzo, que se demande do Goberno do Estado a retirada da actual proposta sobre a reforma das pensións e se manteña a idade legal de xubilación nos 65 anos actuais.
A principal xustificación do Goberno para propoñer esta reforma é que o aumento da esperanza de vida e o futuro incremento do número de persoas anciáns poñerá en perigo a viabilidade futura do Sistema de Pensións. Este é un argumento erróneo que non ten en conta outros factores como a escasa incorporación da muller ao mercado de traballo (só un 54%), o incremento da produtividade (un 1,5% anual) e mais que o actual incremento da esperanza de vida está relacionado coa redución da taxa de mortandade infantil, polo que isto non implica que cada pensionista cobre catro anos máis de pensión.

Exit mobile version